Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

¡Imos de esmorga!

Por Ana Belén Martínez
As relacións entre a literatura galega e o cine a través dun caso emblemático e polémico da Esmorga. Ana Belén Martínez é a autora de "A esmorga" de Blanco Amor e "Parranda"de Gonzalo Suárez, que foi defendida con anterioridade como tese de licenciatura na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela en 1998.

- 04:54 29/05/2001
Tags:

O 17 de marzo de 1977 -o mesmo ano en que se produce a supresión total da censura no cine- estreábase en Madrid baixo a dirección de Gonzalo Suárez, Parranda, filme baseado na novela de Eduardo Blanco Amor, A esmorga (1959). Por enésima vez na historia do cine a literatura subministraba un argumento a un filme. O particular deste caso residía en que era unha novela galega (nun panorama daquela pouco prolixo en “adaptacións” de textos galegos ó cine, que non inexistente-subliño) a que se embarcaba na aventura de servir de hipotexto a un hipertexto dun realizador non galego.

Insisto neste aspecto porque Parranda tivo no seu día unha acollida certamente negativa por parte da crítica galega. Amigos e estudiosos da obra do autor ourensán vían en Parranda unha traizón e unha desnaturalización do texto orixinario e non recoñecían a creación de Blanco Amor no resultado que nos ofreceu o cineasta. Opinións desta caste non están exentas dun factor afectivo e protector cara ó noso, pero con facilidade poden caer no onfalismo cando son provocadas por un descoñecemento ás veces notable do obxecto que se condena.

O meu traballo "A esmorga" de Blanco Amor e "Parranda"de Gonzalo Suárez (Martínez Delgado 2000) non é -como xa ben puidera pensar o lector neste momento- unha apoloxía de Parranda nin do seu director Gonzalo Suárez, mais si un estudio que responde a un entendemento do fenómeno da transposición como un diálogo que relaciona discursos diferentes e como resultado final enriquece a percepción de ambos.

Parece mester precisar que no particular caso que tratamos convén non esquecermos dous feitos: (a) a existencia dun guión previo ó filme intitulado La parranda da autoría do mesmo Blanco Amor, (b) Parranda non é tan só transposición da Esmorga senón que tamén contrae débedas con outros textos literarios entre os que estarían dous relatos de Guy de Maupassant e parte da obra escrita do propio Suárez. Unicamente tendo en conta estas dúas cuestións seremos quen de entender en toda a súa dimensión o labor realizado polo director asturiano.

La parranda [...] responde en realidad a la confrontación de dos guiones, uno mío y otro del director. Son dos visiones distintas y una tercera realidad, que es la película misma, que es tanto más película cuanto más deja de ser novela. (Rus Gascón 1997: 50)

Estas palabras de Blanco Amor deitan luz sobre tan controvertido tema cunha clarividencia meridiana e aínda ousariamos engadir que no fenómeno das transposicións prodúcese un efecto de alimentación-retroalimentación nunha especie de ciclo completo, isto é, a novela nutre o filme e o filme ó seu tempo nutre a novela. Un dos nosos autores máis actuais, Suso de Toro, que espera en ben pouco tempo ver textos seus convertidos en cine manifestábase no número 980 do semanario A Nosa Terra na mesma liña que orientou o noso traballo:

Son produtos distintos, o escritor ten que ter humildade á hora de ver a sua obra en cinema, entre outras cousas, porque antes asinou un contrato de cesión de direitos. Para min unha película respalda o libro, é de agradecer que un artista como pode ser un director escolla unha novela miña para facer a sua obra.

En todo caso, de xeito ningún Gonzalo Suárez pechou coa súa transposición da Esmorga de Blanco Amor outras posibles versións da nosa benquerida novela. Só nos queda agardar a que se produza un remake na historia da traslación dos nosos textos literarios ó cine para marabillarnos outra volta con Cibrán, Bocas, Milhomes, Socorrito...

Referencias

Martínez Delgado, Ana Belén (2000)
A esmorga de Blanco Amor e Parranda de Gonzalo Suárez.
Dirixida por Dolores Vilavedra e José Mª Folgar
Facultade de Filoloxía, Universidade de Santiago de Compostela, 1998.
Publicada por
Sada: Ediciós do Castro.
ISBN 84-7492-998-9

Rus Gascón, Pilar (1997)
Imaxe do mundo en Eduardo Blanco-Amor. A muller, o conflicto social e os marxinados.
Vigo: A Nosa Terra.
ISBN 84-89138-86-9


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: