Un grupo de alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación, capitaneados pola profesora de Galego, Carme Hermida, veñen de facer unha web de Homenaxe a Eladio Rodríguez, o lexicógrafo ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. En honor a el realizaron un Diccionario de Preferencias no que incluíron preto dun milleiro de verbas fermosas elixidas polos propios falantes: xente da rúa e tamén políticos e intelectuais. A palabra máis repetida foi 'bolboreta', seguida de enxebre, agarimo e axóuxere. Claro que tamén elaboraron un Diccionario de Ausencias por colaboración popular: trátase de recompilar vocábulos do galego que non aparezan nos diccionarios. Ademais de todo isto, achegan información biográfica sobre Eladio Rodríguez e sobre a súa obra, o 'Diccionario enciclopédico gallego-castellano'. En Vieiros a semana vindeira poderedes facer as achegas que queirades a estes orixinais diccionarios, para conseguirmos elixir así a verba favorita dos galegos.
.