Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Redes Escarlata: os intelectuais comezan a moverse

O venres en Santiago presentouse a asociación socio-cultural Redes Escarlata, un grupo de persoas que, "unidas por unha preocupación común aínda que plural relativa ao pensamento e ao estado da cultura", pretenden darlle á sociedade unha visión crítica co "abafante panorama que nos impón o presente". E para comezar explícanse a si mesmos cun manifesto "á nación galega", que asinan 45 persoas, entre as que se encontran intelectuais do talle de Anxo Angueira, Xabier Cordal, Xosé Antón L. Dobao, Francisco Fernández Rei, Carme Hermida, Gustavo Luca de Tena, X.L. Méndez Ferrín, Chus Pato, Francisco Macías, Henrique Costas, Antón Santamarina ou Manuel Seixas. Nel decláranse de esquerdas, nacionalistas, renegadores da globalización e do imperialismo... Lean o manifesto completo...

- 18:21 04/05/2001
Tags:

E preguntaranse de onde lles vén o nome. Pois do libro 'Bretaña Esmeraldina', de Xosé Luís Méndez Ferrín, no que aparece un grupo de xente do cárcere que se organiza para planear fugas. Eran as Redes Escarlata.

Velaquí tedes o manifesto fundacional desta asociación e os seus asinantes:

Á NACIÓN GALEGA

MANIFESTO DAS REDES ESCARLATA

Diante da situación degradante das organizacións políticas e sociais que, agás escasas excepcións, están incorporadas ao sistema neoliberal, facemos un chamamento ás persoas críticas con este estado de cousas para integrármonos nun colectivo soberanista de intervención social e política, constituíndo unha ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL, ou barco de pedra, chamada REDES ESCARLATA.

Somos de esquerdas e sostemos que nestes tempos de mudanza tecnolóxico-financeira a sociedade segue estando dividida en clases.
Non temos máis horizonte que a soberanía dos cidadáns, dos traballadores e das nacións.
Non renunciamos aos principios inalienábeis que constitúen a verdadeira democracia (ata o fondo, subversiva, progresista): o dereito á igualdade real, a xustiza, a fraternidade e a liberdade das multitudes.
Nada nos é alleo, todo nos compete. Teimamos en intervir en temas políticos, sociais e culturais dos nosos Terra e Tempo.
Renegamos da globalización neoliberal e defendemos a solidariedade internacional.
Renegamos do imperialismo e defendemos a autoderminación.
Renegamos da caridade institucional, cos seus exércitos humanitaristas, ONG, lavado de conciencias..., e defendemos o internacionalismo.

Fronte ás presentes autonomía e monarquía, autodeterminación e futura República Galega.
Fronte ao bilingüismo harmónico, normalización lingüística: a nosa expresión escrita asumirá a normativa vixente.
Fronte á alienación e ao simulacro, cultura.
Fronte ao discurso xenófobo, radical antirracismo, fraternidade cos economicamente incorrectos.
Fronte á expropiación privatizadora, sector público galego.
Laicismo fronte á confesionalidade subvencionada.
Pluralismo informativo fronte ao pensamento único ou pensamento cero.
Contrainformación fronte ao discurso dominante.

Queremos que se respecte o exercicio dos dereitos políticos e non se fomente o terrorismo de Estado. Manifestámonos pola liberdade e a solidariedade con tódolos pobos insurxentes. A solución ao conflicto en Euskal Herría pasa pola negociación entre o Estado e as forzas soberanistas vascas.
Queremos unha organización territorial galega que remate coa administración tutelar de Hespaña. Queremos bisbarras e parroquias, non provincias.
Temos por galego o territorio lingüístico e cultural das comarcas estremeiras (Navia-Eo, Bierzo Occidental e As Portelas) e do val do Ellas. Estamos especialmente abertos á lusofonía.
Queremos un ensino nacional galego.
Asumimos o compromiso de defender:
-a loita das mulleres, o fluír do suxeito feminino/feminista que atravesa as fronteiras vencéndoas, deconstruíndoas e, asemade, afirmando a súa multiplicidade (políticas de emprazamento);
-a concepción do planeta coma un todo;
-a razón da saúde e da ecoloxía contra a tolemia do capitalismo depredador;
-a viabilidade dos nosos sectores productivos;
-a dignificación das condicións de traballo, con especial atención á mocidade;
-a integración respectuosa dos inmigrantes e dos emigrantes retornados;
-a liberdade non autoritaria de opcións sexuais.

O fascismo non medra só nas toldadas augas do totalitarismo, senón tamén nos plácidos areais da democracia formal e o liberalismo.

Escolleremos sempre a posibilidade de vivir tódalas descubertas: o pracer da innovación, o desexo non coutado, a vida como subversión. A Revolución é unha tarefa práctica. Non é unha elección: é unha necesidade. A nosa determinación é realizala

Xa é hora.

¡Únete ás REDES ESCARLATA!

Asinantes:

CABANA, DARÍO XOHAN
CORDAL FUSTES, XAVIER
COSTAS GONZÁLEZ, XOSÉ HENRIQUE
DOBAO, XOSÉ ANTÓN L.
FANDIÑO RODRÍGUEZ, LUZ
FARIÑA REFOJOS, LAURA
FERNÁNDEZ MATA, BASILIO
FERNÁNDEZ REI, FRANCISCO
FIGUEROA LORENZAN, ANTÓN
GABEIRAS VEREZ, XOÁN
GARCÍA CREGO, XOSÉ M.
GARRIDO BURGO, ROSA
GÓMEZ CLEMENTE, XOSÉ Mª
HERIAS MON, PAZ
HERMIDA GULIAS, CARME
IGLESIAS RODRÍGUEZ, MANUEL
LEAL CARREIRA, JULIO
LÓPEZ FERNÁNDEZ, ROSA
LUCA DE TENA, GUSTAVO
MACÍAS, FRANCISCO
MARTÍNEZ FERNÁNDEZ, MERCEDES
PATO DÍAZ, Mª XESÚS
PÉREZ FACAL, PILAR
PÉREZ LÓPEZ, FERNANDO
PÉREZ ROIG, Mª TEONILA
RÍOS PANISSE, Mª CARME
RODRÍGUEZ CASTRO, MANUEL
ROMERO FALQUE, XOSÉ LOIS
RUIDO, MARÍA
SANTAMARINA FERNÁNDEZ, ANTÓN
SEBIO PEÑA, XOSÉ L.
SEIXAS, MANUEL
SILVA GONZÁLEZ, JOAQUÍN
SOTO VIDAL, JUAN
VARGAS, ANA MARÍA

Correo de contacto: redesescarlata@hotmail.com


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: