Por Ignacio Vázquez
Este vocabulario bilingüe permítenos achegarnos a outra lingua peninsular evitando a ata agora obrigada ponte do castelán. Ignacio vázquez, lector de lingua e literatura galegas na Universitat de Barcelona e especialista en lexicografía, comenta este traballo.
Os diccionarios bilingües son as primeiras obras existentes na historia da lexicografía europea. A diferencia dos monolingües que aparecen ligados ó prestixio, xeralmente literario, dunha lingua ou cultura determinadas, os diccionarios bilingües xorden cunha finalidade práctica de tipo comunicativo.
Hoxe temos nas mans o Vocabulario Galego-Valenciano Valencià-Gallec, que se instaura na máis pura tradición da lexicografía. Serve como ferramenta para saber, unha realidade galega, cómo se di en valenciano e viceversa.
O título xa aclara e acota a súa natureza. Non é un diccionario, é un vocabulario Se ben dixemos que os diccionarios bilingües son as primeiras manifestacións lexicográficas, sono partindo dos vocabularios. A diferencia entre as dúas obras está en que o vocabulario enfronta dúas linguas ofrecendo o léxico que designa a mesma realidade nos dous idiomas. O diccionario -sobre todo o monolingüe, obra posterior- ofrece, a maiores da correspondencia léxica, información gramatical e adoita reflexionar sobre a lingua. O diccionario bilingüe contaxiouse desta teima e foise estilizando, chegando ó actual: vocabulario no máis estricto sentido, pero inzado de información lingüística por veces allea ó usuario.
O Vocabulario Galego-Valenciano, Valencià-Gallec foxe da información xeral dun diccionario bilingüe e, achega só aquela información precisa para o tipo de usuario para o que foi pensado. Este é o punto máis importante desta obra: pensar no lectorque vai utilizala. Moito se ten escrito neste senso e poucas veces se atina na concepción do que se quere dun vocabulario, glosario ou diccionario bilingüe. Non acontece así con este vocabulario, o propio autor nas liñas de presentación di é un instrumento de traballo destinado ós alumnos de lingua galega da Universitat de Alacante [
] Elaborei o presente vocabulario, esencial e básico, sen máis pretensións que dotar ós alumnos dun repertorio léxico que facilitase o seu primeiro contacto coa nosa lingua".
O lemario escollido -unhas 1.200 palabras- foi o axeitado para ese primeiro contacto e as acepcións que aparecen son as máis comúns. Se o alumno precisa doutra información cando domine máis o xenio da lingua, deberá botar man dun diccionario xeral. Mais vaia a nosa felicitación por tan boa iniciativa, xa que non existía ningún compendio lexicográfico que aparellase o galego e o valenciano.
Non obstante, bótase en falta certo tipo de información gramatical que acabaría por garantir unha boa percepción do idioma. Estámonos a referir á indicación de xénero gramatical e á formación dalgún feminino ou plural irregulares. Así, por exemplo atopamos na páxina 19:
leite (s.m.) = llet
Sen máis información, o lector pode pensar que en valenciano "llet" é masculino, cando a realidade indica o contrario. Desfaise esta percepción ó irmos á parte valenciana, onde lemos (páx. 45)
llet (s.f.) = leite
Se a obra vai dedicada a estudiantes, a didáctica e a facilidade na transmisión da información deben primar, polo tanto a solución ideal sería:
leite (s.m.) = llet (s.f.)
llet (s.f.) = leite (s.m.)
Este pequeno detalle non diminúe en nada a valía desta obra. Iniacitivas coma esta cómpren na nosa lexicografía xa que dignifican dúas falas tan asoballadas durante séculos. Os nosos parabéns a Xavier Carro polo seu labor, que se debería ver recompensado na confección dun diccionario máis ambicioso.
Xavier Carro Rosende
Vocabulario galego / valenciano valencià / gallec.
Alacant: Editorial Club Universitario, 2000.
Ed. non venal.
ISBN 84-8454-025-1