Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A división unionista, ameaza para a paz

Aos poucos días de celebrarse o segundo control dos arsenais do IRA, realizado polos inspectores internacionais e valorado como moi positivo polo goberno de Londres, o UUP de Trimble volveu poñer de manifesto a súa división interna. De novo a posición defendida polo “ministro principal” do Ulster saíu gañadora por escasa marxe.

- 07:44 31/10/2000
Tags:

A tensión volveu ao Ulster coa reunión do Consello Unionista, órgano executivo do UUP. A corrente crítica, encabezada polo deputado Jeffrey Donaldson, puxo en cuestión, unha vez máis, o liderado interno de David Trimble. A proposta de Donaldson consistía en que o UUP abandonase o goberno autónomo do Ulster no caso de que o IRA non entregase as armas antes do 1º de Decembro. Trimble optou por gañar tempo e votarlle de novo un pulso aos republicanos. Propuxo revisar a situación a principios de xaneiro, esixir a paralización da reforma da policía (RUC) que se tramita no parlamento londiniense e vetar a participación do Sinn Féin nas institucións internacionais acordadas en Stormont : o Consello Ministerial Norte-Sur e o Consello Británico-Irlandés ou Consello das Illas. Ao tempo, no caso de que os gobernos de Dublín e Londres tomasen medidas para evitar as sancións contra o Sinn Fein, Trimble propuxo que o UUP boicotease ambas institucións.

O primeiro dos organismos, unha das grandes achegas do acordo de Venres Santo, é unha novidade nas relacións internacionais, xa que supón unha soberanía conxunta aplicada por organismos competentes no territorio de dous estados diferentes (Irlanda e o Reino Unido). Estudiará e adoptará medidas aplicables por unha ou outra administración ou ben en toda a Illa de Irlanda por organismos creados a tal efecto.

Mentres o Consello das Illas é un organismo deliberante que funcionará por consenso e as súas decisións só obrigarán a aquelas administracións que as acepten. Do Consello forman parte o goberno do Reino Unido e Irlanda, as autoridades autónomas de Escocia, Gales e Irlanda do Norte e, aínda que non son autónomas a Illa de Man e as Illas Anglonormandas.

As diferencias entre os cidadáns e os dirixentes unionistas é cada vez maior. Os cidadáns acostúmanse á paz, mentres os dirixentes semellan empeñados en deixar claro que os republicanos foron derrotados.

O Sinn Fein reaccionou con dureza ante a proposta de Trimble e acusouno de perseguir a destrucción do autogoberno e de que cada vez ten menos diferencias cos unionistas opostos ao proceso de paz. O fin de ano presentase tenso no Ulster. Mentres sigan a falar a esperanza non se perde.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: