Por Celia Pereira Porto
Profesora de Filosofía do Dereito na Universidade da Coruña
:: As cotas electorais son unha medida necesaria pero insuficiente. Segue, logo, aberto o debate sobre cales son as causas que impiden ou dificultan a participación política das mulleres e, en consecuencia, sobre cales deben ser as estratexias para conseguir efectivamente unha presencia real e representativa das mulleres na vida política.
A principios do século XXI os datos dispoñibles continuan amosando un feito: a escasa presencia de mulleres no exercicio do poder político aínda que non só neste senón tamén no económico e, en xeral, en postos de responsabilidade e prestixio social.
As cifras son elocuentes: a media mundial de presencia feminina nos Parlamentos (incluídas as dúas Cámaras) sitúase (a mediados de agosto do 2002) no 14,7%. Por rexións son os países do norte de Europa os que contan cunha maior presencia de mulleres, 38,9%, seguidos polo continente americano, 16,1%, e polo resto de países europeos, 15,1%. Por países son os do norte de Europa os que teñen un maior número de mulleres ocupando postos de representación política: Suecia 42,7%, Dinamarca 38%, Finlandia 36,5%, Noruega 36,4% (1).
Na escala mundial España atópase no posto nº 13 cun porcentaxe de mulleres do 28,29% no Congreso dos Deputados e un 24,32% no Senado. Por Comunidades Autónomas é a Comunidade Valenciana a que ten unha maior presencia feminina no seu Parlamento, un 40,45%, seguida a corta distancia pola de Castilla-La Mancha, cun 40,43%, frente á Comunidade de Murcia que se sitúa á cola con tan só un 20% de mulleres no seu Parlamento. Nos municipios estas cifras son todavía máis baixas xa que a media estatal de concelleiras é, no 2002, de tan só un 21,10%, onde os mellores resultados obtéñense nos municipios da Comunidade de Madrid cun 29,15% de media, frente aos peores datos presentes en Galicia onde as concelleiras representan tan só un 15,42% (2).
Estas cifras amosan un desaxuste, xa que aínda nos mellores casos a presencia das mulleres no exercicio do poder político democrático está lonxe de alcanzar o nivel que este colectivo representa na poboación de cada país (un 50% aproximadamente ou algo máis), e que a maioría dos países contan cunha escasa presencia de mulleres en funcións de representación política, moi alonxada do porcentaxe máis alto, o sueco, que chega ao 42,7. Esta escasa presencia de mulleres no exercicio do poder político, tanto en tarefas lexislativas como de goberno e nos distintos niveis local, nacional, rexional e internacional-, pero tamén noutros ámbitos onde se ignoran as cifras exactas, como no exercicio do poder económico no sector privado, ou no desempeño de postos directivos tanto no sector privado como no público, contrasta tamén co elevado grao de formación acadado polas mulleres nos Estados occidentais a finais do século XX, e pasou a formar parte, durante as últimas décadas, da lista de problemas que ocupan, polo menos formalmente, a axenda política das institucións internacionais, rexionais, nacionais e locais (ONU, Consello de Europa, Unión Europea, etc.).
O diagnóstico das institucións políticas e das autoras e autores que se teñen ocupado do tema- ante a escasa presencia feminina no exercicio do poder político é unánime aínda que non sempre se exprese coa mesma rotundidade: a infrarrepresentación política das mulleres amosa un déficit democrático. A partir de aquí xa non existe unanimidade á hora de situar as causas e, en consecuencia, de propoñer solucións que fagan frente a este problema pero insístese, por parte das institucións políticas (ONU, UE, etc.), na necesidade de loitar para poñerlle fin e establécese que éste é un dos obxectivos prioritarios para conseguir a igualdade entre homes e mulleres: a participación das mulleres no proceso de toma de decisións en tódolos eidos e niveis de actuación.
Entre as causas ou barreiras que limitan o acceso das mulleres ao mundo da política destaca a división social do traballo entre os sexos, de tal forma que as tarefas reproductivas, de coidado da casa e da familia, recaen sobre as mulleres. A pesar da incorporación das mulleres ao mundo do traballo productivo remunerado, o proceso inverso, a incorporación dos varóns ao mundo do traballo doméstico ou reproductivo gratuíto, non se deu na mesma medida e isto dificulta enormemente a dedicación profesional das mulleres á política.
No nivel simbólico esta situación reprodúcese gracias á socialización dos varóns e das mulleres en roles de xénero diferenciados, realizada, ademais de por axentes individuais, por institucións como a familia, a escola, a igrexa, a ciencia e o Estado. O resultado deste proceso de socialización é que os valores, as aptitudes e as características psicológicas femininas son distintas das masculinas.
É a partir desta perspectiva da diferencia entre homes e mulleres que se sustenta a tese da imposibilidade ou dificultade de que as mulleres podan ser representadas polos homes nas institucións políticas. Os homes teñen prioridades, metas, etc., distintas ás das mulleres, profundamente arraigadas na súa identidade; por este motivo non son capaces de representar axeitadamente os intereses e as prioridades das mulleres. De aí que sexa necesario que os intereses desa metade da poboación mundial, as mulleres, estén representados por elas mesmas.
Para que os intereses das mulleres sexan tidos en conta no ámbito político é necesario que as mulleres estén presentes nas institucións. E como a cultura feminina é unha cultura oprimida non basta unha representación simbólica resultado dunha cota do 30 ou do 40%, senón que é necesaria unha presencia equivalente á presencia real das mulleres na sociedade.
Pero como as propias institucións sociais en xeral e as políticas en particular están constituidas á medida dos varóns, aptitudes consideradas masculinas, como consecuencia do carácter patriarcal das nosas sociedades, de feito os varóns exercen un dominio material e simbólico sobre as mulleres. E neste sentido a paridade é un instrumento imprescindible de transformación no ámbito político, no sentido de impregnar a política de valores e aptitudes propias das mulleres cultura feminina- e desintoxicala de competitividade, afán polo poder e do pragmatismo do machismo dominante.
Na miña opinión, o establecemento por lei de cotas electorais é unha medida lexítima e legal (ou constitucional) para promover a igualdade entre mulleres e homes no exercicio do poder político. É tamén unha medida necesaria de intervención para o fomento da igualdade real entre os xéneros, pero é unha medida insuficiente. É unha medida que ten a virtualidade de abrir un debate público serio e necesario sobre a igualdade entre homes e mulleres, que obriga a tomar partido nesta materia e a definir a dimensión da igualdade entre os xéneros que se desexa. É unha medida que trata de conseguir a presencia equilibrada de mulleres e homes no exercicio do poder político, e isto ten unha gran importancia no nivel simbólico, pero por sí soa, sen o acompañamento doutro tipo de medidas que afecten ás condicións materiais de vida das mulleres e dos homes, non poderá conseguir a igual participación de homes e mulleres na vida política.
Se o que se quere é a democracia paritaria cuantitativa, a adopción de cotas electorais por lei será suficiente, pero se o obxectivo que se persigue é máis ambicioso, se se trata de acadar a democracia paritaria cualitativa, que os homes e as mulleres participen por igual no poder político e económico, na vida social, cultural e doméstica, entón as cotas electorais son necesarias pero non suficientes. Deben vir acompañadas doutra serie de medidas que fagan posible que as mulleres non só participen en igual número senón en igualdade de condicións que os varóns na vida política, económica, social, cultural, doméstica, laboral. Estas medidas deben estar dirixidas a facer compatible a familia, o traballo, o ocio, a participación política, a solidariedade social, para tod@s. No seu diseño debe atenderse a tres factores clave tempo, espacio e cartos (ou recursos materiais)- que condicionan a vida dos seres humanos concretos, que son as condicións de posibilidade para o exercicio da autonomía, pero que foron obviadas na construcción da categoría moderna de suxeito de dereito. Os horarios, a distribución dos espacios no lugar onde se vive e os recursos económicos cos que conta unha persona para desenvolver a súa vida son elementos imprescindibles aos que debe atenderse para realizar unha política que busque seriamente a igualdade real entre homes e mulleres no disfrute dos dereitos fundamentais. Para isto é inexcusable a existencia de servicios sociais públicos aos que poda acceder toda a poboación e tamén a garantía dos dereitos sociais. Sen embargo, a actual fase de capitalismo salvaxe, a chamada mundialización neoliberal ou globalización a secas- apunta noutra dirección, cara os recortes de gasto público e a desprotección dos dereitos sociais. Por iso avanzar cara a igualdade real entre mulleres e homes, cara a democracia paritaria cualitativa, significa profundizar no proceso de democratización e, no contexto actual, mundializar a democracia e a sustantivación dos dereitos fundamentais.
Nota
1. Datos extraídos da Unión Interparlamentaria, actualizados o 15 de agosto do 2002 (http://www.ipu.org/wmn-e/world.htm).
2. Datos obtidos do Instituto da Muller relativos ao ano 2000 para as cifras das Cortes Xerais, xuño de 1999 tratándose das ofrecidas para as Comunidades Autónomas, e 2002 para o nivel municipal (http://www.mtas.es/mujer/mcifras/principa.htm).