Por Concha Martínez Mayo
En versión galega aparece este manual do Director do Laboratorio de Fonética da Universitat de Barcelona, que arrequenta un espacio investigador no que se está a avanzar moito nos últimos tempos, entre outras cousas polas súas aplicacións tecnolóxicas e terapéuticas. Deste libro hai tres versións: a orixinal para o español, con para o catalán e o galego. A adaptación correu a cargo de Sabela Labraña, profesora de galego nesa universidade, quen compartiu o traballo de traducción co estudiante de Filoloxía Galega Silverio Cerradelo. Concha Martínez é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago e especialista en fonética.
Este libro estructúrase, previa páxina inicial de agradecementos, en seis apartados, dous apéndices cos alfabetos AFI e RAE, referencias bibliográficas e un índice alfabético de contidos, ademais do índice final. A traducción ó galego fixérona Sabela Labraña e Silverio Cerradelo.
A Introducción encamiña ó lector cara á natureza oral da linguaxe: no noso medio cultural semella que só importan as imaxes e todo aquilo que poida ser fixado, dixitalizado, ¿encerrado?... Pensemos que a linguaxe escrita é unha imaxe que codifica o orixinario: a linguaxe oral. Os dominios da fala son por unha banda a boca e o oído, o dominio físico; e por outra, o cerebro, o dominio psíquico. De acordo con esta clasificación vanse debullando as distintas disciplinas: do dominio psíquico vaise encargar a fonoloxía e a fonética cognitiva, e do dominio físico, a fonética. A parte de defender a unidade da fonética e a variedade de perspectivas de estudio (articulatoria, acústica), remata esta introducción cun apartado sobre as diferencias entre a fonética e a fonoloxía.
A clasificación articulatoria dos sons é o nome do segundo apartado do libro. Comeza presentando os códigos empregados polos investigadores, os alfabetos fonéticos (AFI, RFE), e as dificultades para establecer criterios definitorios precisos, tanto articulatorios como acústicos, xa que as diferencias entre os sons preséntanse sempre de forma gradual. Continúa esta parte coas vocais cardinais, que integran un sistema definido por tres dimensións articulatorias altura da lingua, posición adiantada ou non, e acción dos labios; a partir del podemos, engadindo algúns trazos nasalidade, duración e tensión, definir os sons vocálicos das diferentes linguas. As consoantes defínense, por unha banda, a través dos trazos de sonoridade, tensión e aspiración; por outra, dependendo da corrente de aire empregada, como non pulmonares e pulmonares (neste último a clasificación bifúrcase segundo o modo e o punto de articulación). Remata esta parte cunha adaptación do exposto ás vocais e consoantes da lingua galega.
O estudio da Producción do son e a súa manifestación acústica comeza coa explicación de conceptos básicos: período, frecuencia e amplitude; a definición de onda sonora; as medidas da frecuencia e amplitude e as diferencias entre o ton fundamental e os harmónicos. Tamén se informa sobre os tipos de gráficos empregados para representar o son: oscilograma, espectro e sonograma. Observamos que na producción do son teñen especial importancia as cavidades do tracto vocal infraglóticas, glóticas e supraglóticas, que actúan como caixas de resonancia reforzando algúns compoñentes da onda complexa. A continuación defínense as propiedades acústicas das vocais e das consoantes, con especial atención á lingua galega. Remata esta parte cunha explicación do modelo de producción de fala de Cooper, onde se expoñen catro tipos de conversión desde a estructura cognitiva ata a acústica.
A Percepción e as diferentes teorías de estudio pasiva e activas: motriz e de análise por síntese ocupan este cuarto apartado. Ademais achéganos a varias cuestións como a teoría cuántica que defende que un conxunto limitado de configuracións articulatorias produce patróns acústicos estables, por iso o conxunto de sons é limitado, e os seus patróns acústicos invariantes; a percepción categoríal e a importancia de investigar os índices acústicos invariantes.
A Prosodia atende a cuestións do acento, o ton, a entoación e a melodía. O acento, determinado pola forza de expiración do aire, pode aparecer de forma libre nalgunhas linguas, noutras ten unha posición fixa ou determinada por varios esquemas. O ritmo, repetición de certa clase de elementos, aparece coa sílaba ou co acento e así, dependendo do tipo de lingua, fálase de isocronía silábica ou acentual. Por último o ton tamén é un factor importante que, nalgunhas linguas, distingue unidades mínimas como morfemas ou palabras. Nas linguas que nós empregamos non se usa o ton deste xeito pero si a entoación: sucesións de tons distintos que forman unha curva entre pausas. A entoación maniféstase na melodía que, xunto coa duración, son os últimos puntos de estudio desta parte.
No Epílogo, o autor introdúcenos nos variados campos de traballo da Fonética: logopedia, medicina, ensino de linguas, informática (síntese e recoñecemento de voz), e mesmo no ámbito forense. O libro remata, como xa indicamos, con dous apéndices sobre os alfabetos fonéticos. Faise maior incidencia no AFI pois no da RFE só se marcan os símbolos e diacríticos que o diferencian do primeiro.
Este libro de Martínez Celdrán é unha estupenda introducción ó estudio da Fonética para estudiantes de Filoloxía e para calquera investigador interesado nesta disciplina. Como non podía ser doutro xeito, ler a Martínez Celdrán é unha alegría pola claridade e rigor expositivo. Ademais hai que engadir que o traballo de Sabela Labraña, adaptando as explicacións teóricas e os exemplos á lingua galega, é meritorio polo que ten de recoñecemento e redescubrimento da lingua para o lector galego.
Eugenio Martínez Celdrán
Introducción á fonética. O son na comunicación humana.
Adaptación ó galego de Sabela Labraña
Trad. de Silverio Cerradelo e Sabela Labraña
Vigo: Galaxia, 2002.
ISBN 84-8288-493-X