A artista viguesa Carme Nogueira poñerá en marcha o martes 6 a iniciativa Nos camiños, enmarcada no proxecto A trama rururbana, do Centro Galego de Arte Contemporánea. Nogueira, coa axuda da profesora María Lois e do comisario independente Pablo Fanego, vai instalar unha maqueta arredor do contorno da antiga fábrica de Álvarez.
Valado de 'Partido ayer y hoy'
A obra terá no centro a reconstrución da factoría en ruínas, e contará coas achegas dos veciños. O proxecto analiza a confluencia do rural e do urbano no barrio do Cabral durante dez días, até o 16 de marzo. A intervención serve para tomar en consideración como a fábrica de porcelana funcionou como motor de todo o barrio e como os equipamentos comunitarios estiveron vencellados á industria.
Durante as dez xornadas, a maqueta incidirá na descrición dos camiños que unen o centro de Vigo co barrio da fábrica, salientando o eixo do río Lagares como elemento configurador. Segundo a autora, será unha obra sen pretensións invasivas, senón de análise e creación de dinámicas de uso.