Nos datos publicados a semana pasada polo Ministerio de Xustiza afírmase que xa tiveron lugar 2.600 casamentos entre persoas do mesmo sexo no Estado, dende que foi reformado o Código Civil hai case dous anos. Entre estes matrimonios, en Galiza houbo só quince entre homes e nove entre mulleres, de xeito que é a cuarta comunidade na que menos parellas gais optaron por casar. Detrás destes datos, reunidos pola dirección xeral de rexistros e notariado, pódese facer un balance do grao de normalización na sociedade galega do matrimonio ou a unión legal entre persoas do mesmo sexo.
Guillermo Redondo, do colectivo lugués ALAS, explica que aínda existe moito medo á exclusión social: "é moi corrente non só nas zonas rurais, senón nas cidades pequenas, como Lugo. Nas cidades grandes existe ese medo, pero dilúese máis: aquí (en Lugo) só existe un bar de ambiente". Con todo, afirma que en Galiza aínda non é tan forte a presión da Igrexa como noutras zonas do Estado: "en Castela e León, por exemplo, hai vilas e cidades cunha cultura máis retrógada. A xente ten medo a ser sinalada". Salienta que é tan necesaria a concienciación da sociedade en xeral, á hora de normalizar, como da propia comunidade gai. "Afortunadamente, temos leis que nos protexen, xa que as cousas fóra do Estado están moitísimo peor".