En poucos días o pleno do Senado será escenario do debate de emendas sobre os orzamentos do Estado para 2007. Entre outras, na mesa estará a proposta do BNG para que o executivo adique unha cantidade á redución da peaxe entre as cidades de Vigo e Pontevedra. Ao fío, os parlamentarios do PP xa se amosaron favorábeis a apoiar esa iniciativa, e mesmo algún rexedor socialista da comarca viguesa, coma o de Redondela, se amosou a prol de que o seu partido apoie ese recorte. En visita a Galiza, a vicepresidenta do goberno, María Teresa Fernández De la Vega, asegurou que logo da eliminación das peaxes de Rande e A Barcala, o executivo non ten ningún novo compromiso ao respecto.