Esta mesma semana, o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, visitou Madrid para, entre outras actividades, pronunciar unha conferencia sobre o proceso de reforma estatutaria en Galiza. De xeito concreto, Romeu mencionou que o texto galego debería incluír a esixencia dun 8% do investimento territorializado do Estado durante dez anos. Esa posibilidade é negada agora por Pedro Solbes, vicepresidente segundo e ministro de Economía do goberno Zapatero. Así, Solbes avisa que o executivo estatal non apoiará reformas que traten de fixar cantidades concretas a investir. Paradoxalmente, cos xa aprobados estatutos catalán e andaluz, o goberno si aceptou finalmente esas cláusulas.
"Hai que distinguir entre os compromisos que xa existan e, por outro lado, o que vaia aparecer no Estatuto", indicou Pedro Solbes este mércores. O vicepresidente e ministro de Economía explicaba así que non apoiará que os estatutos en proceso de reforma inclúan apartados onde se garanta por escrito o investimento territorializado do Estado. Porén, Solbes xa houbo de apandar cos acordos do PSOE en Cataluña e Andalucía. No primeiro caso, os cataláns conseguiron que o Estatut fixase o requerimento dun 18.8% de investimento estatal. En Andalucía o acordo foi máis sutil, solicitando que o esforzo económico estatal fose equivalente ao peso da comunidade no conxunto do Estado. Na práctica, iso supón outro 18%.
No longo debate sobre a débeda histórica do Estado con Galiza, as posicións das formacións políticas galegas teñen variado significativamente co tempo. O BNG introducira no seu momento a reclamación que posteriormente o PSdeG preferiu redefinir como "déficit histórico". Ao respecto, logo de pasar á oposición, o PPdeG apuntábase a comezos deste ano á reclamación desta débeda. Dese xeito, o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, viaxara o Consello de Política Fiscal e Financeira en febreiro pasado co aval do consenso entre os tres grupos parlamentarios. En todo caso, os matices marcábanos o Bloque, pedindo unha negociación bilateral co goberno español, e da outra banda, o PPdeG, solicitando que a petición se restrinxise ao ámbito dun acordo multilateral con todas as autonomías. No medio, o PSdeG vé posíbel unha mestura das dúas negociacións. En visita a Galiza, o presidente Zapatero admitiu a existencia da débeda histórica no ámbito das infraestruturas, escollendo por certo un elaborado eufemismo para referirse aos atrasos que acumulan algúns proxectos clave: "é certo que teñen un horizonte dilatado no tempo".