Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOUTRAS COMUNIDADES LEVÁNTANSE AS BARREIRAS E APLÍCANSE DESCONTOS

Fomento négase a eliminar as peaxes galegas en casos de colapso do tráfico

"Non se pode eliminar temporalmente o cobro de peaxes en situacións de colapsos de tráfico", subliñou o ministerio de Fomento, indicando que a administración só aceptará esa medida "en situacións de emerxencia motivadas por lumes ou anegamentos". O pronunciamento do executivo estatal chega ao fío da petición dunha norma ao respecto por parte do BNG, que lembrou no Congreso os 10 quilómetros de atasco que se produciron na peaxe da A9 en Guísamo o 9 de xullo, sen que se chegase a levantar a barreira para afrouxar o tráfico. Porén, en Cataluña non só se suprime a peaxe con relativa frecuencia nestes casos, senón que mesmo se aplican descontos en momentos de alta probabilidade de retención, como son as operacións saída en vacacións.

- 15:45 09/11/2006
Tags:

"A eliminación temporal do cobro da peaxe non é unha obriga contemplada na lexislación contractual entre o Estado e as sociedades concesionarias", argumentan desde o ministerio de Fomento en resposta a unha pregunta de Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso.

O mecanismo en casos de retención posibilita que a administración se poña en contacto coa empresa que xestiona a vía para que de xeito temporal suprima o cobro, levantando as barreiras e facilitando unha circulación fluída. Neses casos, o acordo implica que o goberno asuma o custo desa supresión.

O goberno español asegura que cando hai previsión de intensidade de tráfico "superior á habitual", a empresa concesionaria da A9 "pon operativas todas as cabinas de peaxe; sitúa persoal nas propias entradas da peaxe para distribuír o tráfico; inclúe persoal de reforzo para emerxencias; e infórmalle aos usuarios que circulan pola autoestrada da existencia de retencións a través de paneis de sinalización nas propias entradas".

O exemplo de Guísamo este verán
En resposta á pregunta formulada por Francisco Rodríguez, o ministerio de Fomento argumenta que "no incidente da A9 entre Miño e Guísamo coincidiron tres circunstancias moi concretas: a celebración do Festival Celta de Ortigueira, masiva afluencia ás praias e a celebración da Feira Medieval de Betanzos". Malia recoñecer esa situación, Fomento non prevé que no futuro e nas mesmas circunstancias se vaia levantar a peaxe para evitar as retencións de horas e as colas de até 10 km.

Durante o pasado verán, só a vaga de lumes de agosto forzou a levantar as barreiras da A9 e moitos condutores queixáronse de que nun primeiro momento a empresa concesionaria seguiu cobrando portaxe malia as retencións e mesmo os cortes provocados polos incendios á beira da autoestrada.

Maior flexibilidade noutras comunidades
A Plataforma Cidadá pola Supresión da Peaxe en Rande lembraba a miúdo nas súas mobilizacións a significativa diferenza de procedemento entre Galiza e Cataluña.

Laiábanse os membros do colectivo de que as kilométricas retencións producidas na autoestrada galega A9 nunca eran atendidas co levantamento temporal das peaxes. Ao respecto, a asociación cidadá poñía de exemplo a Cataluña, onde, segundo argumentaban, ao haber un número elevado de vehículos agardando atrás de cada unha das cabinas, si se contribuía a afrouxar a intensidade do tráfico facilitando o paso sen pagar.

Nos últimos dous anos, as concesionarias catalás aplicaron tamén descontos especiais coincidindo con datas como as vacacións de Semana Santa. O sistema vai vencellado á propia fidelización dos usuarios ás tarxetas de pagamento estabelecidas polas empresas, e aplica reducións de até o 40% sobre as taxas habituais.


0/5 (0 votos)