Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DURO DEBATE PARLAMENTARIO ÁS PORTAS DA XUNTANZA DOS LÍDERES POLÍTICOS

Touriño lémbralle a Feijoo que o carácter "marxinal" do PP axudou a que Cataluña tivese Estatuto

"Grazas a que o PP en Cataluña é unha forza facticamente marxinal, que apenas conta, que apenas decide, que apenas ten apoio popular, os cataláns xa puideron facer, alumear e aprobar no Parlamento e no Congreso dos Deputados o seu Estatuto de Autonomía". Dicíallo así o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ao voceiro parlamentario do PPdeG, engadindo que "aquí aínda estamos esperando por vostede, señor Feijoo". Touriño respondía a unha intervención anterior de Alberte Núñez Feijoo, que aproveitara a actualidade catalá para dicirlle ao presidente que foi "o primeiro socialista en aceptar a presidencia dunha comunidade perdendo as eleccións". Feijoo afirmou que el vai á xuntanza do próximo día 15 "con total tranquilidade" mentres que na súa opinión Touriño irá "coas mans atadas".

- 10:48 09/11/2006
Tags:

"Galiza e o goberno necesitan un interlocutor sólido e estábel con que poidamos falar en serio dunha vez do Estatuto de Autonomía", expuxo Emilio Pérez Touriño este mércores, comentando que "naturalmente a oposición ten que seguir facendo oposición", pero engadindo que o líder dos populares galegos debera antes "arranxar os problemas internos que poida ter". "Xa é hora, señor Feijóo, de que se aplique á tarefa", pediulle.

Touriño insistiu en que espera poder chegar a acordos concretos para avanzar na reforma estatutaria na próxima reunión, o día 15 de novembro, co líder do PPdeG. "Galiza agarda que avancemos, e non para copiar a ninguén, senón para crear o noso espazo propio", indicou, pedíndolle "unha actitude positiva que nos permita compartir" e engandindo que "non podemos estar pendentes dun partido, o que vostede dirixe, que vai a rastras".

Do outro lado, Núñez Feijoo opinou que Touriño chega á xuntanza para o relanzamento do proceso estatutario "coas mans atadas", explicando que chega condicionado polo seu socio de goberno, "tendo en conta que o BNG xa lle anunciou que racharía o pacto de goberno se o futuro Estatuto de Galiza sae a referendo a menor nivel que o catalán e se o PsdeG pactara co PP como en Andalucía".

Feijóo criticou que "nun terzo da lexislatura cesaron a terceira parte dos números dous" do goberno e, "se se ten en conta que Touriño so pode cesar en seis consellarías, vostede fixo profundos cambios case no 70% destas". Ao tempo, insistiu no desacordo en temas clave entre membros do executivo socialistas e nacionalistas.


0/5 (0 votos)