Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRONTE Á CRISE CAUSADA POLO TEMPORAL

A Xunta láiase dos efectos do "urbanismo incontrolado" e o PPdeG di que o goberno está "de brazos cruzados"

"Ninguén é inocente", afirmaba o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, este luns, ao tempo que se refería aos excesos urbanísticos e explicaba que "os seres humanos ocupamos espazos que son da propia natureza e o río sempre recupera o seu sitio". Na mesma xornada, desde o PPdeG a avaliación do acontecido facíase unicamente en función da "vaga de incendios de agosto", acusando á Xunta de "imprevisión" e de non poñer en marcha un plan de continxencias. Ao tempo, facíanse eco das queixas dalgúns marisqueiros, que critican que os traballadores da consellaría de Pesca "limpan as praias con horario funcionarial: só de 8 a 15 horas, coincida ou non coa baixamar".

- 10:01 25/10/2006
Tags:

"O urbanismo ten un límite", laiábase Manuel Vázquez en visita ao concello de Oia. O conselleiro de Medio Ambiente recoñeceu o impacto dos recentes incendios forestais no agravamento das consecuencias das recentes riadas, debido á falta de vexetación nos montes. Pero Vázquez advertiu que as causas fundamentais das catástrofes acontecidas, á beira dos intensos trebóns de auga logo de varios anos de seca, hai que buscalas no "crecemento urbanístico incontrolado" que veu bloqueando sen previsión ningunha espazos naturais estratéxicos.

O conselleiro avanzou que varios grupos de traballo están sendo despregados con urxencia nas zonas afectadas, realizando o seu labor en estreito contacto coas autoridades locais, para a recuperación dos leitos dos ríos, así como a súa apertura directa ao mar onde é posíbel, coa fin de evitar os desbordamentos.

O PP desbota a explicación urbanística
Con responsabilidade urbanística durante os últimos 16 anos, o PPdeG evita considerar a interpretación realizada por expertos e polo goberno actual sobre o impacto urbanístico na orixe dos asolagamentos destes días. Así, a explicación dos populares ten que ver unicamente coa vaga de lumes deste verán, insistindo en que "o PP demandou a posta en marcha dun plan de continxencias específico, precaución que non foi adoptada para evitar a catástrofe actual".

Agora, a Xunta pídelle á consellaría de Pesca a posta en marcha dun plan de actuación en dúas frontes "limpeza e rexeneración dos bancos marisqueiros afectados polo arrastre de borralla e restos dos incendios e unha liña de axudas económicas dirixidas aos mariscadores afectados, mentres non se consigan rexenerar os areais que presentan mortaldades elevadas".

En rolda de prensa este luns, o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, referiuse ao "penoso espectáculo de desorganización de Protección civil no que se refire á protección das poboacións contra as riadas de cinza que baixan dos montes". Os populares recuperan as súas denuncias contra a actuación de Protección Civil durante o pasado mes de agosto e din agora que "temos que asistir agora ao espectáculo de desorganización do mesmo organismo".


0/5 (0 votos)