Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Valdeorras

Edición xestionada por Gustavo Docampo
RSS de Valdeorras
ESTAFA NA REDE

Subtraen 26.000 euros por internet a un matrimonio de Trives

A fraude denominada "Phising" cometeuse a comezos do mes de agosto accedendo a través de Internet á conta bancaria desta familia trivesa. Os afectados déronse conta do roubo cando xa lle subtraeron 26.000 euros. O problema non rematou na fraude, xa que o Banco Santander agora non se responsabiliza do diñeiro subtraído.A operación fraudulenta fíxose accedendo a través de Internet á conta bancaria durante os primeiros días do mes de agosto. Os afectados déronse conta do roubo o día 16 de agosto, cando ó consultar o seu saldo viron que lle faltaban uns 26.000 euros entre diñeiro en efectivo e venda de accións sen o seu consentimento.

- 22:40 22/09/2006
Tags:

Denunciaron o feito e a Policía Xudicial de A Rúa iniciou a investigación logrando a detención dunha persoa en Talavera de la Reina. Na operación recuperáronse 6.000 euros da última transacción pero o resto do diñeiro xa fora transferido a contas internacionais, neste caso a Rusia. Segundo as explicacións que recibiu este matrimonio de Trives, Pedro Villarino e Antonia Álvarez, trátase dunha banda rusa que contacta con xente en España a través da rede , danlle un número de conta para que fagan operacións e páganlle un tanto por cento. Os colaboradores denomínanse "muleros" e obteñen sobre un cinco por cento do diñeiro que transfiren.

Despois de saber quen levou o diñeiro o problema continúa porque o Banco Santander non se responsabiliza do diñeiro estafado. Segundo contan os afectados o banco contestoulles, o pasado día 1 de setembro, que non teñen seguro para cubrir este tipo de subtraccións na banca electrónica. Un dos afectados, Pedro Villarino, afirma estar moi descontento co trato dado pola entidade bancaria xa que tardaron en poñerse en contacto con eles e despois enviáronlle unha carta "firmada dende Madrid dicindo que non se ían facer cargo". Ante esta situación puxeron o caso en mans de avogados e van denunciar a entidade bancaria por non devolverlles o diñeiro. Fontes policiais afirman que o banco está obrigado a devolver o diñeiro porque houbo un fallo no seu sistema de seguridade.


0/5 (0 votos)