A última hora desde o Centro de Coordinación Antiicendios trae por vez primeira nestes días a nova de que todos os incendios están controlados ou extinguidos. Por outra parte, o goberno galego decidiu este mércores adiar a presentación das cifras de hectáreas queimadas no que vai de mes. Técnicos da administración, que aínda traballan na medición das áreas afectadas polo lume, consideran provisional o balanzo de entre 60 e 70 mil ha que se avanzou nas últimas horas. Ao fío, e baseándose tamén na análise de imaxes do satélite, desde o Centro Europeo de Información de Lumes Forestais, prognostican que a área queimada entre o 31 de xullo e o 14 de agosto puido subir das 80 mil hectáreas. A cifra exacta podería non coñecerse até a última hora do mércores ou deica o xoves.
Desde este centro europeo aseguran que os prognósticos de risco de lumes para o continente europeo eran "menos críticos" para este 2006 respecto aos agoiros do ano anterior, cando o mesmo sistema utilizado polo centro considera que se queimaron 610 mil hectáreas, dúas veces a superficie de Luxemburgo.
Con todo, a análise de imaxes do satélite realizada polos técnicos deste organismo, avalía que os grandes incendios, de máis de 50 hectáreas, que sufriu Galiza entre o 31 de xullo e o 14 de agosto, puideron elevar a cifra de 2.241 hectáreas queimadas deica esa data até un total de 88.473 hectáreas. Á beira, sinalan que no mesmo período, en Portugal a superficie queimada puido brincar de 13.591 até as 49.881 ha. Deica finais de xullo, en toda a Unión Europea arderan 64.500 ha.