Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRONTE Á VAGA DE LUMES

Galiza contra o Lume, Lumes Nunca Máis

"Nada hai que explique tampouco que os lumes se estén a concentrar con case total exclusividade arredor dos núcleos de poboación máis grandes en frontes de lume que, dende o seu inicio, se extenden xa ao longo de varios quilómetros e nas proximidades mesmo das zonas urbanizadas; todo o cal parece, por outra parte, vir a demostrar unha pericia cáseque profesional: así o lume intencionado que dende a media tarde de onte afectou, caseque simultáneamente, aos aeroportos de Vigo e Santiago, parece destinado a dificultar aínda máis as labores de extinción". Así o opinan, nun comunicado conxunto, a Coordinadora Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.

- 19:57 11/08/2006
Tags:

Ante a avalancha de lumes que, en apenas unha semana, leva queimado, principalmente nas provincias de Pontevedra e Coruña, xa máis superficie que durante todo o ano 2006, sobrepasando a capacidade técnica e humana de calquer dispositivo contra o lume que poidera terse previsto, as organizacións que estamos nesta mesa, Coordinadora Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Asociación Forestal de Galicia e Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), queremos trasladar ata a opinión pública:

Primeiro: a nosa gratitude, a nosa solidariedade e o noso apoio a todas as brigadas de extinción do lume e a todas e a todos os que, dende as comunidades de montes, dende protección civil, dende os concellos ou dende a administración están implicados directamente na loita contra o lume, nunhas circunstancias verdadeiramente dramáticas de ter que atacar a un lume que, por amenazar a zonas de povoación, non da lugar a respiro algún e deixa, ademáis, poucas oportunidades de manipulación. O noso agradecemento tamén ás demáis comunidades do Estado e a todos os países que están facendo chegar a Galiza equipos de personal e medios contra o lume.

Segundo: facer constar que, de continuar este ritmo de incendios durante todo o que queda dos meses de Agosto e Setembro, Galiza enteira terá que enfrontarse a unha dramática catástrofe ambiental, social e económica, concretada nas enormes perdas económicas, por un lado, e nos graves impactos ambientais derivados da perda da cuberta vexetal, na perda de extensos e valiosos hábitats de flora e fauna ou na degradación da estructura bioquímica do solo, por outro, ao que haberá que engandir os riscos da erosión sobre un solo totalmente desprotexido e da disminución das reservas hidrolóxicas debida ao importante incremento da escorrentía sobre este solo sen cuberta vexetal algunha.

Terceiro: denunciar a clara intencionalidade e profesionalidade que se está a poñer de manifesto nesta avalancha de lumes. Á marxe de que se poda criticar en maior ou menor medida a xestión do governo galego por, cecais, non ter previsto a dimensión desta vaga de lumes; á marxe da nefasta politica forestal que temos feito durante os últimos anos orientada, con exclusividade, ao monocultivo de pinos eucaliptos, o mesmo no monte que nas hortas; á marxe das condicións climáticas de sequía e vento que favorecen a propagación rápida do lume; á marxe das imprudencias temerarias que podan ter sido a causa de moitos incendios, nada hai que poda explicar que, en apenas unha semana do mes de Agosto, vaia queimada xa máis superficie da que tén ardido durante todo o ano 2005 ata a mesma data (4/08/2008). Nada hai que explique tampouco que os lumes se estén a concentrar con case total exclusividade arredor dos núcleos de povoación máis grandes en frontes de lume que, dende o seu inicio, se extenden xa ao longo de varios quilómetros e nas proximidades mesmo das zonas urbanizadas; todo o cal parece, por outra parte, vir a demostrar unha pericia cáseque profesional: así o lume intencionado que dende a media tarde de onte afectou, caseque simultáneamente, aos aeroportos de Vigo e Santiago, -onde houbo que suspender parcialmente o tráfico aéreo-, parece destinado a dificultar aínda máis as labores de extinción rextrinxindo a operatividade dos hidroavións ou impedindo a chegada de reforzos técnicos e humanos dende fóra de Galiza.

Cuarto: agradecer moi encarecidamente as mostras de solidariedade que están a chegar de moitos dos líderes políticos do resto do Estado, tanto da administración central como das autonómicas e locais; pero tamén denunciar o uso político que desta intencionalidade están a facer os líderes do Partido Popular nun momento de abasoluta emerxencia no que necesitamos unir os esforzos de todos contra o lume. Non saímos en defensa de ningún governo, pero non podemos aceptar que o lume sobre os nosos montes se convirta en arma coa gañar unha batalla que tiña que terse limitado ao campo estrictamente político.

Quinto: destacar que, ante a situación de emerxencia actual, nada hai máis urxente que a loita contra o lume. Conscentemente deixamos para máis adiante o debate sobre a necesidade de modificar con urxencia a actual extratéxia de loita contra o lume, para volcarse na prevención máis que na extinción; e sobre a urxencia tamén de frenar o despovopamento do meio rural e de sustituir a actual política forestal orientada ao monocultivo do pino e do eucalipto por outra baseada no fomento da biodiversidade con reintroducción de especies autóctonas e na diversificación dos usos do monte con reintroducción, incluso, de gando naqueles montes onde tén sido tradicional.

Acabamos solicitando da administración policial e da administración de xustiza que, á vista da manifesta intencionalidade desta avalancha de incendios forestais, non se escatimen esforzos e medios en identificar, deter, xuzgar e sancionar aos que resulten responsábeis.

E solicitamos de toda a cidadanía de Galiza que poña toda a súa xenerosidade e empeño en lograr parar toda esta siniestra intencionalidade do lume: fáise absolutamente necesaria unha mobilización contundente de toda a cidadanía galega para demostrar que este terrorismo ambiental xamáis logrará os seus obxectivos políticos. Dende a Coordinadora Galega de Comunidades de Montes veciñais en mán común, estamos dispostos a coordinar todos esforzos necesarios a tal fin.


0/5 (0 votos)