Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AGRICULTORES E GANDEIROS OFRECEN OS SEUS MEDIOS

As Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agraria arriman o ombreiro na loita contra o lume

A Consellaría de Medio Rural, a través do seu asesor técnico Xosé Antonio Meixide, vén de acadar un acordo de colaboración coas Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola na procura dunha maior efectividade na loita contra o lume. Nun principio, esta colaboración estaba pensada como unha previsión de futuro, aínda así, a vaga de incendios levou as cooperativas a ofrecer os seus servizos e a súa maquinaria dun xeito desinteresado como elementos de axuda ante os múltiples lumes declarados.

- 11:15 09/08/2006
Tags:

Os agricultores e gandeiros ofrecen así a súa maquinaria específica, como cisternas de gran capacidade, converténdose nuns aliados idóneos na loita contra o lume. O obxectivo e manter, sempre que sexa posíbel, as cisternas cargadas de auga para poñelas a disposición do xefe de extinción e transportala preto do lugar onde estea a traballar a motobomba.

Xosé Antonio Meixide pediu toda a colaboración de todos aqueles que dispoñan de cisternas ao tempo que lles comunicou a centralización deste servizo de cooperación a través dunha empresa contratada ao efecto, encargada de poñerse en contacto con entidades e particulares que dispoñan da maquinaria e estean dispostos a ofrecer a súa axuda. O asesor técnico da consellaría asegurou que este esforzo recibirá algunha compensación no futuro.


0/5 (0 votos)