O Partido Popular solicitou a reunión urxente da Deputación Permanente do Parlamento "para pactar unha saída á situación", mentres que en Madrid solicitaban a comparecencia dos ministros de Interior e Medio Ambiente, para explicar o acontecido. Rajoy visitará Galiza este martes para coñecer a incidencia real dos lumes, mentres Núñez Feixoo pediu non facer unha utilización política da crise pero ao tempo criticou con dureza o que o Partido Popular define como desmantelamento dos servizos antiincendios.
Alberte Núñez Feixoo realizou unhas duras declaracións criticando as actuacións do goberno bipartito, se ben ao mesmo tempo sinalaba que este era "tempo de axudar e colaborar". De feito, o presidente do Partido Popular de Galiza xa prevé "pedir contas pola imprevisión, descoordinación e ineficacia das autoridades responsables, empezando polo Presidente da Xunta e seguindo polos ministros do Interior e de Medio Ambiente", pero sinala que agardará para facelo a que todo pase.
Para Núñez Feixoo "non estamos diante dunha catástrofe natural, senón perante un ataque directo á riqueza do país e á seguridade dos seus habitantes" e "perante a peor campaña contra incendios dos últimos 15 anos". Por iso ofreceu o apoio do PPdeG, do grupo parlamentario, dos tres presidentes de Deputacións e dos seus douscentos alcaldes e púxoos ao dispor da Xunta e do seu presidente e vicepresidente".
Como medidas urxentes Feixoo solicitou a reunión urxente da Deputación Permanente do Parlamento, para pactar entre as tres forzas políticas "unha saída a esta situación crítica" mentres ao mesmo tempo criticaba o desmantelamento da estrutura técnica directiva e da estrutura territorial, o retraso na selección do persoal das brigadas así como a súa inexperiencia, a redución de gavillas nos concellos, a súa mala distribución, a redución de dous helicópteros, ou o retraso na sinatura cos concellos.
Tamén pediu o Partido Popular que comece a avaliación de danos para valorar a declaración de zonas catastróficas en concellos e comarcas.