Nos próximos meses haberá unha figura de protección xurídica para o contorno de Monteferro, incluída na prometida Lei de Protección da Paisaxe e no Plan de Protección Integral do Litoral. Así llo aseguraron desde a consellaría de Política Territorial á Plataforma Salvemos Monteferro. O colectivo gaba tamén as posicións manifestadas ao respecto desde as consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente, logo da entrega de dez mil sinaturas contra os proxectos que poñían en perigo o futuro medioambiental da zona. "Debemos distinguir aquí entre as dúas ameazas que pesan sobre este contorno. Se por unha banda a aprobación deste Plan Xeral sería catastrófica para o monte, pola outra, debemos recordar que o proxecto de vial perpetrado polo Concello e a Deputación, é anterior e independente ó deostado PXOM", afirman nun comunicado.