O alcalde de Ferrol, Juan Juncal, saiu este mércores da liña moderadamente construtiva ensaiada polos seus compañeiros de partido e rexedores das cidades de Vigo e Ourense, amosando a súa belixerancia cara ao proceso mesmo de reforma do Estatuto, que na súa opinión non nace dunha "demanda" nin dunha "necesidade" da sociedade senón do "poder político". Nunha intervención onde falou exclusivamente en castelán, Juncal pronunciouse en contra do "deber" de coñecer o galego. Posteriormente, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, insinuou o desacordo coa posición de Juncal e subliñou que o seu partido está "totalmente comprometido" coa reforma do Estatuto.
"Unha vez que abren o melón hai que entrar a el", comentou Juan Juncal na súa comparecencia diante da comisión para a reforma do Estatuto ao tempo que defendía que Galiza aspire a todas as competencias posíbeis dentro do marco lexislativo constitucional. Paradoxalmente, Juncal subliñara antes o seu escepticismo sobre a necesidade de iniciar a reforma, agoirando mesmo "un novo reino de taifas" coa perda de competencias do goberno español en favor dos gobernos autonómicos. Na súa opinión nin o Estatuto é necesario nin o momento é o preciso para acometer a reforma.
Sen deixar o castelán en ningún momento, Juan Juncal tamén se posicionou en contra do deber de coñecer o galego, indicando que el está "pola liberdade e o dereito a escoller" e opinando que "en Galiza practícase o bilingüismo con absoluta normalidade". Segundo Juncal, "a lingua débese usar por convicción e non por imposición". De paso, o alcalde ferrolán considerou que a inclusión do termo "nación" no Estatuto implicaría unha perspectiva "excluínte con respecto a España".
Sobre a intervención de Juncal pronunciouse o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, quen dixo que el e o alcalde de Ferrol non teñen a mesma opinión sobre a reforma estatutaria e asegurou que o seu partido está totalmente comprometido co proceso aberto.
Por outro lado, desde o PSdeG ferrolán criticaron que Juncal "esqueceu defender os intereses da súa cidade" e laiábanse de que o rexedor aproveitase o seu tempo no Parlamento galego para defender "un centralismo caduco". Doutra beira, desde a dirección do PSdeG comentaron durante a xornada a rifa aberta con Núñez Feijoo polo modelo de pleno para o debate do Estatuto, destacando que "o tempo dos portavoces dos grupos será máis do dobre do dunha comparecencia habitual" e advertindo que as queixas do líder popular virían dadas polo seu desacougo ao verse na necesidade de ter que "explicarlles a todos os galegos se está a favor da reforma estatutaria que Galicia necesita ou da estratexia de Rajoy e Acebes". Segundo Ismael Rego, voceiro socialista na cámara galega, "Núñez Feijoo navega nunha indefinición tan grande que ata confunde e contamina aos integrantes do seu partido, como se apreciou hoxe na comparecencia do alcalde de Ferrol na comisión de reforma".