O candidato de Alternativa Universitaria, Alberte Gago, triunfou este martes nas eleccións que decidían a reitoría da Universidade de Vigo logo de que Domingo Docampo completase os seus oito anos á fronte da institución. Gago, que formara parte do anterior equipo de goberno desde a vicerreitoría de Planificación e Asuntos Exteriores, conseguiu o 58.74% do total de votos fronte ao seu rival, Xosé Lois Legido.
A vitoria de Gago sobre Legido, que quedou no 41.26% dos votos, produciuse tanto entre alumnos, como profesores e persoal de administración e servizos. Así, no caso dos estudantes, Gago recibiu un total de 2.468 apoios, por só 1.022 do rival. Mentres, o profesorado con categoría de doutor dáballe 331 votos a Gago, mentres que o candidato de Nova Universidade quedaba en 265. O resto do profesorado repartiu 346 e 243 votos respectivamente. Por último, o persoal de administración deulle 245 votos ao sucesor de Docampo por 158 ao outro candidato.
No que lle toca á participación, destaca unha vez máis a baixa implicación do alumnado: só votou o 14.6%. No outro estremo aparecen os profesores doutores, votou o 82.8%, por riba do resto do profesorado, do que votou un 64%. Ademais, o 60% dos PAS foron tamén ás urnas.