Máis de 23.000 electores están chamados hoxe ás urnas nos tres campus que conforman a Universidade de Vigo. En xogo, a elección do novo reitor, que terá a difícil misión de integrar a entidade no novo espazo europeo de educación. Alberte Gago e Xosé Luís Legido chegan a cita pendentes da participación dos diferentes colectivos que forman o censo. As 23 mesas electorais pecharanse ás 19 horas e só dúas horas despois coñeceremos o nome do gañador.
Lonxe de distanciar máis aos candidatos, a fría campaña electoral que se viviu nos últimos días na Universidade de Vigo fixo que as dúas propostas cheguen ao día dos comicios cunha estreita marxe de diferenza. A liña continuista de Alberte Gago conta co respaldo maioritario do profesorado doutor, o que determina o 51% do resultado final. Pola súa parte, Xosé Luís Legido fíxose nos últimos días co apoio do persoal de servizos despois de prometerlle os sindicatos a vicexerencia de persoal. Aínda así, o apoio do 668 traballadores da Universidade só decide o 10% do resultado final. A participación dos estudantes, o 91% cento do censo electoral e con capacidade para decidir o 30% do resultado, podería decidir finalmente o nome do novo reitor, aínda que ninguén espera que a súa participación supere os 17 puntos de fai catro anos. Porén, este colectivo non definiu claramente o seu apoio polo que previsibelmente os votos dos estudantes repartiranse a partes iguais. Deste xeito, todo indica a que hoxe podería repetirse a situación dos últimos comicios cando Docampo conservou o reitorado grazas aos votos do profesorado doutor pese a perder en número total de sufraxios. Os resultados coñeceranse hoxe ás nove da noite.