Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CAMPAÑA ELECTORAL CHEGA A SÚA FIN SEN XERAR APENAS EXPECTACIÓN

Loita descafeinada pola sucesión de Docampo na Universidade de Vigo

A campaña electoral na Universidade de Vigo chega a súa fin. Nestes once días, a tranquilidade e a falta de polémica foi a tónica predominante nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. Alberte Gago e Xosé Luís Legido enfróntanse por un reitorado nunhas eleccións que deixarán moitas caras novas no goberno da universidade. Porén, ambas candidaturas coinciden practicamente en todos os seus puntos así como no perfil dialogante e sosegado dos seus candidatos, que apenas xeraron controversia e polémica durante a campaña. É por isto polo que se teme unha participación aínda menor que nas eleccións da USC. A falta de grandes proxectos pendentes fai que a elección do cuarto reitor da Universidade de Vigo non estea a espertar o interese da comunidade universitaria viguesa, nin sequera dos medios de comunicación.

- 08:57 19/05/2006
Tags:

Case 27.000 alumnos, profesores e traballadores están chamados a elixir o próximo martes o que será o sucesor de Domingo Docampo ao fronte da Universidade de Vigo. Logo de once días de campaña, a polémica brillou pola súa ausencia. Ambos candidatos desenvolveron as súas respectivas campañas sen estridencias e é que a elección do novo goberno universitario está marcada pola falta de grandes proxectos que planificar. Por iso, o debate centrouse en temas non tan atractivos para a opinión pública como é o papel que debe ter a investigación na universidade, a paridade no goberno ou a xestión dos campus de Ourense e Pontevedra. É evidente que logo da marcha de actual reitor, gañe que gañe as eleccións, o goberno universitario sufrirá unha profunda renovación na súa composición, porén, a Universidade de Vigo parece que vai seguir o camiño marcado por Docampo nos últimos oito anos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)