Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EDITORIAL

Medios en galego. Editando o soño de Lugrís

O Día das Letras de 2006 homenaxea a Manuel Lugrís, fundador d'A Gaita Gallega, a primeira publicación da Galicia de alén mar que se editou integramente en galego, e fundador d'A Nosa Terra, a cabeceira de prensa en lingua galega de maior continuidade histórica. Dedicou Lugrís abondosos esforzos a subverter a hexemonía do castelán como lingua vehicular dos medios impresos galegos, tendencia lamentabelmente afianzada des que saíu do prelo El Catón Compostelano, hoxe hai xa 206 anos.

- 20:23 16/05/2006
Tags:

Dos moitos méritos que lle tocan a Lugrís cómpre salientar a súa firmeza normalizadora tanto como a súa vontade colaborativa, a súa procura por achegar e sumar esforzos de tradicións plurais, diversas e mesmo contrastadas na defensa da nosa lingua e cultura, creando unha rede de iniciativas e complicidades a prol dos intereses dos galegos e galegas. Compromiso normalizador e traballo en rede que aínda hoxe manteñen toda a súa vixencia, valor e utilidade.

O panorama cultural enriqueceuse notabelmente desde os tempos de Manuel Lugrís. Fíxose realidade un dos soños máis acariñados polo escritor mariñán: que Galicia se dotase dun espazo de decisión política. Asistimos tamén á consolidación de numerosas industrias culturais no ámbito editorial, audiovisual ou escénico; institucionalizáronse medios de comunicación audiovisuais, de titularidade galega e pública, e redactouse un tramado legal e normativo para a defensa do idioma galego. Mudanzas políticas e culturais que moldean o noso tempo.

O concurso das administración propias, dos poderes galegos, para animar e soster os esforzos normalizadores nos medios de comunicación ofrece, con todo, un balance pobre, descomprometido, falto de horizontes estratéxicos e vontade política. O baleiro da iniciativa institucional foi ocupado polo emprendemento dunha sociedade civil que é sabedora de que un espazo comunicacional en lingua de seu é o complemento imprescindíbel da nosa cidadanía e do exercicio democrático do noso autogoberno.

Na sociedade da información e do coñecemento que se achega, soster medios de comunicación na nosa lingua, referenciar o noso espazo político e cultural no escenario mundial globalizado, e acceder en galego ás tecnoloxías e posibilidades que nos ofrece a rede debería ocupar un lugar privilexiado na axenda gobernamental como xa o ocupa nas estratexias das forzas vivas da nosa sociedade. A serodia atención dos poderes públicos a estas prioridades comunicacionais atoran o proceso normalizador e limitan unha boa parte das iniciativas innovadoras no noso país. Malia todas as pexas, consolídaronse medios en galego que suman xa décadas de labor editorial comprometido con Galicia e a súa lingua. A partir da veterana A Nosa Terra, cabeceira para a que escribiu Lugrís no dealbar do século XX, pasando por Galicia-Hoxe –co seu precente O Correo Galego– ou a vigorosa prensa comarcal con vocación de país que anima A Peneira e O Sil, até chegar á revista de información xeneralista Tempos Novos ou o xornalismo na rede de Vieiros. Estas iniciativas de comunicación e empresariais hai anos que deixaron atrás o espazo da resistencia cultural para ocupar o seu lugar, as máis das veces desavantaxoso, no mercado e na industria dos medios, sen máis apoiatura que a confianza na calidade da súa información e a lealdade dos lectores.

Viven os medios editados en galego unha anómala e paradoxal situación. Son un instrumento fundamental no avance e consolidación da nosa normalización lingüística e cultural pero, ao tempo, fican fóra dunhas políticas gobernamentais a prol da normalización no espazo comunicacional que seguen a preferir como destinatarios principais dos seus incentivos e axudas aos medios informativos feitos en castelán. O estado de cousas ten esa anormal traza. Os medios que máis se comprometen coa normalización do galego son os máis desfavorecidos polas políticas normalizadoras dos medios. Esa asimetría derrama moitos esforzos e ilusións e enche de senrazón as políticas que invariabelmente levan practicando os gobernos galegos desde 1981.

É o momento de marcar un cambio de tendencia, é precisa unha nova política de apoio para os medios comprometidos coa lingua e a súa normalización. É tempo tamén de novas prácticas empresariais máis colaborativas, innovadoras e mesmo arriscadas. A Asociación de Medios en Galego creouse para iniciar unha nova andaina para tecer, ampliar e consolidar o tramado empresarial da comunicación en galego.

Quédanos aínda por saber cal é a achega innovadora nas políticas de medios da Xunta de Galicia, cal é a súa aposta a prol dun espazo propio de comunicación e o seu apoio á xeración de información e contidos en lingua galega. Somos sabedores de que non toda a responsabilidade repousa na administración autonómica, que tamén é preciso un renovado compromiso por parte dos axentes sociais, dos emprendedores económicos e dos promotores culturais.

Existen inmellorábeis condicións para procurar unha acción concertada entre os poderes públicos de Galicia, os axentes cidadáns e as empresas editoras dos medios en galego para investir en futuro, innovación e compromisos practicábeis coa normalización da noso idioma e cultura. Temos vontade para dialogar e concertar as políticas necesarias para artellar o espazo comunicacional que Galicia precisa e ser quen de construír con éxito unha sociedade da información e o coñecemento fortalecedora da nosa identidade e das nosas potencialidades culturais.

Podémolo facer, podémolo facer máis doadamente botando man da confianza, firmeza e ilusión que animou a vida de Manuel Lugrís. Hai imaxinación, solvencia empresarial, capital humano, coñecementos e compromiso suficiente para facer realidade o soño de Lugrís: ofrecer e construír coa participación dos cidadáns galegos e galegas e as súas institucións, medios libres e na nosa lingua.


0/5 (0 votos)