Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEFINIRÁ A POSICIÓN DO PPdeG NUNHA INTERVENCIÓN PARLAMENTARIA

Feijoo anuncia unha proposta estatutaria "co único límite da legalidade constitucional"

Para o momento en que rematen as actuais comparecencias diante da comisión parlamentaria para a reforma estatutaria, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, propuxo que os líderes das tres forzas políticas con representación na cámara "certifiquen as súas propostas concretas cara a esa reforma". Feijoo avanzou que a proposta dos populares galegos incluirá unha "cláusula de dobre garantía de nacionalidade", de xeito que pedirán "todas as competencias que non están incluídas entre as exclusivas do Estado" e ao tempo que Galiza "poida asumir calquera competencia que resulte transferida ou delegada a calquera outra comunidade autónoma".

- 07:03 16/05/2006
Tags:

Así, e ao xeito da bautizada cláusula Camps para o Estatuto valenciano, definía Alberte Núñez Feijoo a base da súa proposta en canto ao ámbito competencial, logo de explicar que nas conversas que xa mantivo cos líderes de PSdeG e BNG anuncioulles que imulsaría a reforma do Estatuto "co único límite da legalidade constitucional". Feijoo citou a Touriño e Quintana para a volta das actuais comparecencias dos colectivos civís de xeito que os tres se posicionen arredor dos sistemas "institucional, competencial e de finanzamento", amosando o que será guieiro posterior para os traballos da ponencia estatutaria.

O presidente do PPdeG anunciou tamén que o seu partido propón a delegación cara ás administracións locais de competencias autonómicas garantindo unha dotación orzamentaria suficiente e "sistematizando nun único Título as relacións da comunidade galega en relación coa administración local". Na mesma liña, están a prol de explicitar "uns criterios obxectivos de reparto do fondo de cooperación local, como instrumento que garanta a solidariedade intermunicipal" e propoñen "establecer pautas claras de coordinación das deputacións coa Xunta" e subliñar o fomento do uso dos mecanismos de cooperación intermunicipal, "en especial as áreas metropolitanas". Menos concreta e a posición dos populares respecto ao ámbito da economía e a facenda, que malia todo Feijoo dixo considerar "o máis importante" asegurando estar a prol do reforzamento da autonomía financieira. Nese contexto, o líder do PpdeG comentou que algunha das disposicións incluidas nos proxectos de reforma estatutaria catalán e andaluz "poñen en serio risco de creba a solidariedade do sistema de financiamento".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: