O próximo 23 de maio celebraranse as eleccións que determinarán quen vai ser o sucesor de Domingo Docampo ao fronte da Universidade de Vigo. Dúas alternativas enfrontadas e, aínda que unha sigue o camiño marcado polo actual reitor, o que está claro é que gañe quen gañe, a Universidade sufrirá unha profunda renovación no seu goberno. Alberte Gago, representa a alternativa continuista. O ata agora vicerreitor de Planificación presenta unha lista na que só repiten tres persoas do equipo de Docampo e propón como eixes principais do seu programa a reforma das titulacións e a empregabilidade dos alumnos. Fronte á "Alternativa Universitaria" de Gago, sitúase Xosé Luís Legido Soto como candidato a reitor de "Nova Universidade". Baixo o lema "Transparencia, igualdade e motivación", o actual Director do Departamento de Física Aplicada presenta unha lista paritaria coa que tentará "integrar a toda a comunidade universitaria na toma de decisións de goberno".
Os dous candidatos a suceder a Docampo só dispoñen de once días para levar a cabo a súa campaña de cara as eleccións do próximo 23 de maio. Coa presentación das súas respectivas listas, Gago e Legido dan por comezada unha campaña que, desde este luns oito de maio, protagonizará a actualidade nos tres campus da Universidade.
Alternativa Universitaria
Alberto Gago adopta este nome máis propio dunha candidatura da oposición consciente de que a súa proposta, aínda que continuista co traballo de Docampo, suporía un cambio radical no goberno universitario. Das trece persoas que conforman a lista desta candidatura só tres repetirían no caso de resultar elixidos. Gago presenta un programa no que prima a idea de "conservar un presente moi logrado" coa fin de consolidar o traballo realizado nos dous mandatos de Docampo. A reforma das titulacións de acordo ao Espazo Europeo de Educación Superior coa reforma dos títulos de grao e Posgrao e a mellora da oferta de prácticas aos alumnos están entre as prioridades de Alternativa Universitaria.
Deste xeito, Gago contempla a creación dunha "Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea" co obxectivo de xestionar o traballo do Comisionado para o EEES máis do Centro de Posgrao. O programa tamén recolle a creación de outras cinco novas vicerreitorías, de Planificación, Economía, Novas Tecnoloxías e Calidade, Formación e Innovación Educativa máis a do Campus de Pontevedra que se sumarían as xa existentes de Investigación, Extensión Cultural e Estudantes, Profesorado e Organización Académica, Relacións Institucionais e do Campus de Ourense.
Unha das grandes apostas de Gago é a creación do Campus Verde, un proxecto que engloba distintas actuacións relacionadas co respecto ao medio ambiente e o desenvolvemento sostíbel, axuntando medidas tecnolóxicas, construtivas e ambientais cara á integración de enerxías renovábeis e á recuperación de hábitats. No referido á investigación, Alternativa Universitaria destaca o relevo do Parque Tecnolóxico Universitario de Galiza que se complementa coa Cidade Tecnolóxica de Vigo (Citexvi), achegando ao campus actividades empresariais de I+D+i "co que poderemos falar de proxectos conxuntos, prácticas dos estudantes e formación para o emprego". A ampliación dos intercambios de docentes e profesores, xunto o establecemento de novos acordos con países como China, India ou Brasil centrará a proposta de Gago no campo da mobilidade internacional.
Nova Universidade
Pola súa parte, o candidato a Reitor de Nova Universidade, Xosé Luís Legido, presenta un equipo caracterizado pola paridade entre sexos, o seu carácter multidisciplinar e por contar con membros dos tres campus. Segundo afirmou Legido na presentación da súa candidatura, a "falta de transparencia, igualdade e motivación" foi unha constante nos últimos oito anos, acusando ao equipo de Docampo de excluír da toma de decisións a todos aqueles que non compartían a liña marcada polo seu equipo. É por iso polo que Nova Universidade presenta como obxectivos principais lograr "a integración de toda a comunidade universitaria na toma de decisións do goberno, para que máis aló das lóxicas discrepancias, todo o mundo síntase partícipe e poida aportar ideas".
O candidato a reitor outórgalle unha gran importancia a participación da muller na comunidade universitaria. "A Universidade debe constituír un exemplo para a sociedade na participación da muller", deste xeito, na súa proposta de goberno contémplase a creación dunha Vicerreitoría de Políticas de Igualdade. Igual que Gago, o candidato de Nova Universidade está a traballar no deseño dunha estratexia para a reforma dos estudos universitarios na súa adaptación ao modelo europeo, avogando porque a transición á nova estrutura se realice de xeito prudente e reflexionado.
Outras das liñas principais da candidatura de Legido versan sobre a elaboración dun Plan Estratéxico da Universidade e a recuperación da programación plurianual; o establecemento dun Consello de Estudantes, que integrando as delegacións e as distintas asociacións, "asesoraría e apoiaría o alumno ao longo da súa formación" e a descentralización dos campus, equiparando os de Ourense e Pontevedra ao de Lagoas en Vigo. No referido a I+D, e en referencia ao proxecto da Cidade Tecnolóxica de Vigo, Legido sitúa as súas prioridades no impulso da "docencia, a investigación e os recursos humanos" continuando cos proxectos comprometidos ata a data.