A grande esquecida das artes escénicas, sempre asociada ao minoritario, ao elitista, está máis ca nunca na rúa. No Día Internacional da Danza, o presidente do Consello Internacional de Danza lanza unha mensaxe incitando os bailaríns a unirse, a Asociación de Profesionais da Danza Escénica de Galicia presentou o espectáculo Jamdansanasa na Sala Nasa de Santiago, e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural anuncia unha reestruturación do IGAEM e novas axudas para a danza. Branca Novoneyra, bailarina e coreógrafa, membro da APDEG, falou con Vieiros dende o Laboratorio de Movementos.
Formouse en danza dende cativa, e aos dezanove deu o salto do ballet á contemporánea, mentres estudaba Políticas. Agora está a doutourarse sobre Didáctica da Danza, e despois de percorrer os Centros Socioculturais composteláns dando clases, montou o Laboratorio de Movementos, un espazo para a experimentación coa danza e as artes visuais, mentres segue a montar espectáculos de xeito independente.
Vieiros: O Laboratorio é unha alternativa á docencia en danza tradicional que naceu hai un ano. Como foi a acollida entre o público?
B.N.: Dentro das artes escénicas, a danza xa está minorizada, e se se trata de danza contemporánea, aínda máis. Mesmo xente que consume cultura habitualmente non sabe dicirche o nome de ningún coreógrafo. Traballamos nun espazo case descoñecido para a maioría da xente, pero cando eu comecei a traballar nos Centros Socioculturais, vin que a xente realmente contacta, que xa se buscan perspectivas de educación artística integral. Eu non traballo de forma didáctica, porque non formo a profesionais, trátase de achegar a xente á danza de xeito lúdico, sobre todo cos nenos. Xa non se trata dunha disciplina que só admite a persoas cun determinado patrón físico, senón de que os nenos poidan gozar sen prexuízos nin presións... Estamos nun momento de apertura e confluencia con outras artes. Eu fago sobre todo un traballo de investigación: o Laboratorio é un obradoiro, máis ca unha escola: traballamos xente moi diversa e de varios campos, organizamos recitais, ciclos de cinema...
Xa á marxe da didáctica, están os espectáculos. O público de danza era máis ben minoritario, pero agora parece que comeza a agromar a idea de levar a danza á rúa: o festival "En pé de pedra" é un exemplo. Está cambiando a antiga concepción sacralizada da danza, coma un espectáculo para elites?
Claro, do que se trata é de normalizar a danza, achegala á poboación e abrila a todo o mundo. Eu traballo moito os vídeos, e tento expoñelos en galerías de arte, en bares, en espazos máis próximos... O día que se homenaxeou a Rosalía no CGAC e Bárbara Monteagudo e máis eu fixemos un espectáculo había moitísima xente, e demostramos que é posíbel facer danza en espazos abertos, coa mínima infraestrutura posíbel, mínimos medios, e toda a dignidade. É unha cuestión de supervivencia, ao non termos apoio por ningún lado tiñamos que ter imaxinación.
Que vai presentar a APDEG o domingo, por exemplo?
É un espectáculo de improvisación colectiva, no que aproveitamos para presentar a Asociación. Actuarán bailaríns de toda Galiza, xunto con Sul producións, expertos en improvisación, músicos, etc. É moi importante que por primeira vez vaiamos bailar xente de diferentes ámbitos. Aquí, durante moito tempo, fumos varias células pequenas que non interactuaban entre si, e agora imos subir ao escenario xente de Vigo, de Coruña, de compañías, que traballen en solitario, independentes... É o inicio para unha relación fluída. Agardamos que sirva para normalizar as relacións ente o colectivo de profesionais.
Como naceu entón a Asociación hai 6 anos?
Démonos de conta de que eramos poucos e dispersos, e mentres o teatro está máis organizado, e traballa nunha rede de produción e distribución. Nós carecemos delas, non atopamos saída... A única forma de sobrevivir era crear unha asociación para fortalecérmonos, e agora, coa nova situación política e social, estamos no momento. Sumáronse Olga Cameselle e Carmela Bueno, xente da Nova Galega de Danza, compañías coma Druída, Disque Danza... Queremos redefinir a danza dende as plataformas que xa existen, estábeis, non dende apoios puntuais.
De feito, o presidente do Consello Internacional de Danza rematou a súa mensaxe deste ano para o Día Internacional da Danza cun "Bailaríns de todo o mundo, unídevos!" Parece que a disgregación no eido da danza é o principal problema...
Si, é bastante xeral, pero un colectivo profesional que non se organice non vai cara ningures... Quen fai a política cultural realmente son os colectivos: non podemos ir cada quén polo seu lado porque dese xeito nunca teremos peso. Trátase de crear un colectivo plural, diverso e forte. Na Asociación hai profesionais con varias pespectivas diferentes, distintos posicionamentos... Pero entre todos tentamos visibilizar o noso campo artístico.
Antonte, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural anunciaba a reestruturación do IGAEM, para comezar a ter en conta a danza. Por outra banda, o voceiro de Cultura do PPdG, López Chaves-Castro, critica moi duramente a xestión que está a facer a actual Consellería de Cultura, ao non seguir mantendo o Ballet Galego Rey de Viana. Como se viviu realmente o cambio político?
Despois de tantos anos de escurantismo, é necesario facer unha análise da realidade. Non se poden tomar decisións políticas sen pensar no Estado da Cuestión, e hai que avaliar e analizar a situación para poder tomar medidas a longo prazo, porque coas subvencións puntuais non se amaña nada. Non hai un circuíto nin unha programación estábel de danza. Mira como é, que a maior parte das compañías non chegan a bailar 20 días no ano. Nós queremos que se fundamente unha estrutura que permita unha estabilidade. E para iso non se poden tomar decisións sen un proceso previo de análise. É importantísimo fortalecer o mercado interior, como se fixo en Cataluña. Unha vez que o teñamos ben forte aquí, poderemos estabelecer relacións co exterior (e se cadra é máis interesante a relación con Portugal ca con Madrid). Aquí hai moita produción, peor é necesario poder difundila, e fóra do circuíto das salas alternativas, que sempre apoiaron a danza, non houbo coordinación para distribuíla. A ver se creamos unha rede que permita actuarmos en Compostela, pero tamén en Quiroga ou en calquera teatro galego.