Os diferentes axentes sociais únense hoxe, no día da Seguridade e Saúde no Traballo, co propósito de facer un firme chamamento a todas as empresas e traballadores na procura dunha verdadeira cultura da prevención. O Goberno galego quixo transmitir a través dun comunicado o seu compromiso co dereito constitucional de todos os traballadores e traballadoras galegas en materia de seguridade e saúde laboral, manifestando a súa vontade de que todos e todas poidan contar cun traballo digno, seguro e de calidade. Pola súa parte, o Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino de Galiza non quere deixar pasar a ocasión de denunciar as cada vez máis altas cifras de sinistralidade laboral, propoñendo a formulación de proxectos de choque "realistas e eficaces" para parar a sangría de traballadores mortos e enfermos.
No comunicado emitido pola Consellería de Traballo, afírmase que a obriga dos poderes públicos de facer efectivo ese dereito a un traballo seguro, só será unha realidade cando se fundamente no compromiso individual e colectivo de todos os axentes implicados no mundo da prevención do traballo. Segundo a Xunta, tres son os alicerces imprescindíbeis no enfoque actual da prevención dos riscos laborais: a planificación da prevención que debe realizarse no mesmo momento do deseño do proxecto empresarial, a avaliación continuada do posto de traballo e o establecemento de medidas básicas de proteción. Por iso, o Goberno galego realizará unha política orientada á defensa da seguridade e saúde laboral, e non escatimará esforzos en desenvolver "accións de promoción da prevención, de información e de formación dos traballadores e traballadoras galegas, de asesoramento técnico aos empresarios e de control das condicións de seguridade e saúde laboral en xeral, e en particular naqueles sectores de actividade nos que concentran unha maior sinistralidade".
Pola súa parte, o Sindicato de traballadores e traballadoras de ensino galego, considera necesario o cumprimento axustado da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Segundo datos expostos polo STEG, o noso país case dobra a cifra de accidentes laborais respecto aos países do seu contorno na Comunidade Europea, de xeito que case un 8% das traballadoras e traballadores sufrirá un accidente en España, fronte ao 4% da Europa máis desenvolvida. É por iso polo que o sindicato considera unha prioridade reflexionar sobre as causas da sinistralidade, "incluídas as que non se ven ou as que é difícil cuantificar a súa pegada". Segundo o STEG, é fundamental interiorizar que ata que non se comparta esa preocupación pola seguridade de forma xeneralizada e actuemos en consecuencia, "as cousas no variarán substancialmente".