Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA DE LECER

Rindo e comendo champiñóns

Ou escoitando a cora de Toumani Diabaté, ou mirando unha obra de teatro irlandesa... Son moitas as posibilidades para esta fin de semana que remata cun festivo (o luns, Día do traballador, permítenos gozar da noite do domingo un pouco máis). Podemos esmendrellarnos en Silleda na súa V Semana do Humor, degustar champiñóns na Feira de Ordes, ou ir ao Auditorio a gozar do terceiro concerto de Sons da Diversidade, co maliano Toumani Diabaté. Podemos seguir a rir co mimo Joseph Collard en Compostela, ver cinema de denuncia en Lugo e escoitar rock en San Sadurniño... Ademais de achegarnos a Pontevedra na celebración do saneamento do Lérez.

- 13:19 28/04/2006
Tags:

Músicas do mundo e máis
No Clavicémbalo de Lugo poderemos ver ao rockeiro de Ortigueira Manel López o venres, e aos coruñeses Mistakens, co seu son setenteiro, a noite do sábado. A entrada custa 5 €.

O hiphopeiro Juaninacka pasará o venres polo Rock Club ourensán ás 00:30 (12/14 €), e o sábado pola Iguana de Vigo á mesma hora (13/15 €). Na mesma Iguana, o domingo teremos a Death Before Dishonor, ás 22:00, por oito euros. A cantautora Silvia Penide estará o venres ás 23:00 co seu último traballo discográfico, Invisible na Abacería O Renque, tamén en Ourense.

Seguimos por Vigo: no Club Vademecum teremos o sábado, dende a unha da mañá, a Festa de Presentación da Red Bull Music Academy 2006, co dillei austríaco Patrick Pulsinger e o Colectivo Arkestra, vigués. O domingo 30 despedimos abril, aproveitando que ao día seguinte é festivo, coa Southern Arts Society, un grupo peninsular. O prezo é de 10 €, 8 coa entrada anticipada e 5 para as persoas socias. Seguindo por Vigo adentrámonos no Churruca: no pub Glin Glo, Saldos Arias, Fastop e All the Cream tocan ás dez do sábado, por unha entrada de 3 €. No Café UF, na Rúa Praceres, gozaremos do jazz de Arturo Villa e Álex Touceda o venres, por 3 €, e de JAZZUF = MCX² o sábado, con entrada libre. Os dous ás 23:30.

Na Mardi Grass coruñesa teremos o pop dos zaragozanos DA o venres ás 22:30. O sábado, á mesma hora, auténtico power pop compostelán e ourensán: estarán Sebastopol e Annie Hall. A entrada custa 3 €. Sen nos mover da Coruña, teremos no Playa Club, a Ainara LeGardon o sábado.

E en Compostela, dentro do ciclo Sons da Diversidade, o Auditorio de Galicia acolle o concerto de Toumani Diabaté, o gran virtuoso da cora, que vén dende Malí para amosarnos os sons deste instrumento de corda. O concerto será o venres ás 21:00, e a entrada custa 15 € ou 7.5 para estudantes e persoas xubiladas ou paradas. No mesmo Auditorio e á mesma hora teremos o sábado a presentación da Federación Galega de Bandas de Música Popular (FGBMP).

Xa noutro circuíto, no Ambigú tocan, o venres pola noite, o ex-Blood Filhoas Boy Elliot con Roger Willoughby. O concerto será en torno ás 21:30 e a entrada custa 3 €.

Teatro e danza para todos os gustos
Á mesma Compostela chega Teatro do Atlántico coa súa última montaxe, A raíña da beleza de Leenane. Estarán no Teatro Principal venres e sábado ás 21:00. As entradas van de 3 a 7 €, segundo a localidade. Por outra banda, na Sala Yago temos A natureza do animal, venres ás 20:30 e sábado ás 22:30. Humor grotesco e traxicómico da man do director Jorge Rey. Na mesma sala, o domingo ás 12:30, os máis pequenos poden ver os títeres de Cachirulo, El-rei Artur e a abominable dama.

E na NASA, o mimo belga Joseph Collard ofrecerá dúas fucións do seu espectáculo Zic-zag venres e sábado ás 22:00. Teremos oportunidade de gozar dun dos mellores clowns da escena europea. Na mesma sala, o domingo viviremos, ás oito, unha nova experiencia: JAMDANSANASA. Trátase amosar en quente o corpo máis vivo da danza contemporánea en Galiza.

Cinema
A última das proxeccións da Asociación luguesa Alto Minho para este mes é O sangue do cóndor, (Yawar Mallcu, 1969), un revelador filme de Jorge Sanjinés sobre as condicións de vida dos quechua. A cita, coma sempre, o domingo ás 20:00 no local da Asociación, na Rúa Catasol.

Mesas redondas
A ferrolá Cooperativa Xoaninha celebra a última das mesas redondas do mes, coma todos os venres, ás 18:30 no Centro Cultural Carvalho Calero. Esta vez, o tema é a nutrición, dende o enfoque ecoloxista.

Seguimos celebrando o 25 de abril
Ou polo menos na Fundaçom Artábria continúan coa festa: o sábado, a partir das 21:00, celebran unha festa co cantor compostelán José Constela e máis música portuguesa, e coma "petiscos", feixoada e caldo verde, ademais de viños de alén do Miño. O domingo continúan coa festa, esta vez para celebraren outra efeméride: a partir das 20:00 inauguran unha exposición fotográfica con motivo do primeiro de maio, día do Internacionalismo Proletario. A mostra aborda as dúas reconversións navais padecidas pola comarca de Ferrolterra, da man dos fotógrafos Pepe Mouriz e Gabril Tizom. E despois, repichoca...

Gargalladas en Silleda... Na súa V Semana do Humor, Silleda oferta todo tipo de actividades para que nos doa o bandullo de rir: o venres teremos no Auditorio, ás 22:30, ao mimo e clown británico que saltou á pantalla grazas a Harry Potter, Les Bubb. Á mesma hora e no mesmo sitio, Rafael Álvarez el Brujo estrea o seu espectáculo en Galiza o sábado. E o domingo, trío de monologuistas galegos: Nancho Novo, Javier Veiga e Luis Piedrahita xúntanse por primeira vez nun escenario. A fin de semana, ademais, Cándido Pazó estará na casa da cultura compartindo as súas técnicas do monólogo con maiores de 16, e polos bares estarán tamén cos seus soliloquios Ricardo de Barreiro, a quen puidemos ver na Sala Yago compostelá con Merda, Miguel Lago e Soledad Felloza.

... E champiñóns en Ordes
A cita gastronómica da semana témola en Ordes: os devoradores de cogumelos poden achegarse o domingo ao Campo da Feira, de 10:00 a 21:00 horas, para gozar, nesta decimoséptima Festa do Champiñón, das doce toneladas de setas que estarán alí preparadas para a degustación. Os actos comezarán o sábado, coa exposición dos 150 stands de Expofegasa, con diferentes actividades comerciais. Ás seis haberá un desfile de moda na discoteca LP 45. Pola rúa actuarán gaiteiros e as charangas Ruada e NBA, e á noite do domingo (lembremos que o luns non se traballa!) gran verbena con Bruma e o trío Solymar. O domingo coincide no mesmo Campo da Feira a novena feira do queixo, e tamén poderemos degustar este exquisito produto.

Polo Lérez abaixo...
Pontevedra está tamén de festa esta fin de semana: o Lérez é o protagonista, recén saneado. Ao longo do domingo, en varios puntos da ribeira do río poderemos atopar concertos coma o de Mercedes Peón e Xosé Manuel Budiño, ou espectáculos de luz e son. E a quen lle apeteza, e se o tempo acompaña, pode imitar ao alcalde da Boa Vila, Miguel Fernández Lores, e darse unha chapuzada.


0/5 (0 votos)