"(...) e se deus quere, que o goberno reflexione e me instale a internet coma lle fai aos seus privilexiados. E se deus quere que eu morra, morrerei. Serei un prócer e un mártir pola libre información no mundo". Guillermo Fariñas, da axencia de prensa Cubanacán, iniciou o pasado 31 de xaneiro en folga de fame en protesta polos obstáculos que o goberno cubano lle pon ao libre acceso a internet dos cidadáns.
"Quero que rematen as agresións a xornalistas independentes. Quero que todos os cubanos poidan acceder a internet se, como asegurou en decembro no Cumio Mundial da Sociedade da Información, en Tunicia, o goberno pode proporcionárllelo. Estou disposto a morrer. Fidel sabe da miña situación". Así o anunciaba Guillermo Fariñas o pasado mes de xaneiro cando iniciou a súa folga de fame.
Desde aquela e durante dez días rexeitou inxerir calquera tipo de comida ou bebida, tendo que ser ingresado no hospital nun grave estado de saúde. Aló teimou en quitarse en canto recuperou forzas a inxección intravenosa que lle puxeron e anunciou despois que en canto saíse do hospital continuará coa súa folga de fame a prol das liberdades en Cuba.
O representante do goberno cubano no cumio de Tunicia asegurara daquela que todos os cubanos terían acceso a internet sen restricións no momento en que o embargo que os Estados Unidos lle impuxo a Cuba fose levantado. Cuba aparece entre os 15 maiores inimigos da liberdade de expresión que Reporteiros sen Fronteiras levou a primeiro plano aproveitando aquel cumio sobre a sociedade da información.
O pasado xoves iniciouse unha cade de xexúns en solidariedade con Fariñas. Poden ampliar información na bitácora Cuba Verdade.