O vigués Carlos Tejo, artista da acción e docente universitario na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, vén de coordinar o ciclo A Acción a debate, organizado polo CGAC partindo da obra do fronteirizo Roman Signer. A estética da arte da acción -falar de performance en xeral non é pecado- é vella, anque o termo o inventasen os amigos de Beuys pensando nas aduanadas do dadá, e abrangue terrorismo artístico, exercicios pubococcíxeos ao cargo de Yoko Ono, a morte en directo dos accionistas vieneses (volvendo ao primeiro) ou a célebre Eternal Network. O que se queira. Nas últimas décadas mudou a estetización pola tecnoloxía e a sofisticación do capitalismo, pero a performance é a mesma, con máis precariedade, medo e problemas coa policía para tomar algo no Obradoiro.
Tejo fala de cómo se pode fuxir das institucións en Galiza (se se puidera), estimular o público politizando (ou non) o público e o privado e vivir así. "Nos oitenta non aprendemos nada", di Tejo, e aquí "o atraso é secular". Fala de Berio Molina, Chiu Longina, María Marticorena e xente que vai e vén por non significarse o mínimo -Manolo González ou Josecho de Dios non teñen nin web-.
Con que criterios definiría a arte de acción?
O que non coñecemos sempre esperta inquedanza e tentamos apreixalo… É unha categoría, non un xénero, que naceu nos anos 60 respostando ao crecente mercantilismo da arte, tentando sacala á rúa, fóra do mercado e da galería, e que propuña novas expresións partindo da presencia do artista como elemento fundamental, do espazo como contador da escena desenvolvida e o carácter efémero do propio proceso artístico, que comezaba e remataba nun momento determinado, e que non se voltaba repetir. Podía ter un guión preestablecido ou non, pero sempre se executaba dun xeito neutro, propiciando a improvisación, e coa participación do público. A grandes rasgos é o que podemos entender como performance no seu estadio inicial. Como o enfrontamos agora? Pódese falar moito...
Cómo se pode azougar agora mesmo ao espectador masivo partindo dos seus códigos visuais e verbais? A tecnoloxía non pode separar...
A arte de acción é un xénero bastante ladrillo… a tradición aquí non é de séculos, é un xénero moi xove…
Pero antes de Beuys seguro que xa había acción nas cavernas ou na Comuna, anque todo comece nos bares de Zúrich...
Claro, pero a asimilación dunha categoría novedosa non é fácil, sempre é máis fácil interpretar un cadro ou unha escultura... Orabén, como arte alternativa, a acción ten uns vieiros que escapan un pouco da institución museística e a ese nivel consegue un punto de frescura que non teñen as outras disciplinas, e que pode ser importante para interaccionar co espectador, porque lle resulta máis próximo. E hai que ter en conta que hai tantas artes de acción como artistas de acción…
Ás veces tamén se esquece que a acción é unha arte feita por non artistas...
E por iso ten unha pluralidade infinita. Anque parte da crítica queira acotala como acción clásica, o corpo moitas veces espido, ou unha acción máis pluridisciplinar… pero definir estilos é moi difícil. Se falamos de acción entendida como unha práctica dentro da arte contemporánea, a subxectividade é o cardinal. Só hai liñas de traballo.
Tendo en conta que as primeiras performances de Brossa levaban ao público a invadir o escenario para comer papas fritidas, hai corenta anos, e que a cultura socialista (do PSOE) non apostou por mellorar o prato, o certo é que a arte da acción acabou chegando ás cátedras estatais en 1995, e nin iso é bo de seu... E Galiza?
Eu son docente da Universidade de Vigo e, que eu saiba, no Estado español só na Facultade de Belas Artes de Valencia se ensina arte da acción. E co paréntese de Vigo, onde hai unha asignatura de Román de la Calle. Tamén é certo que a acción agroma, non se ensina nas facultades… Eu apostaría por fuxir do vitimismo, por moito que o pasado sexa lamentábel. Sendo obxectivos, contextualizando a historia no caso galego, o retraso aquí é secular, como é sabido. Para que exista unha ruptura, ten que haber unha evolución, e para iso cómpre continuidade. Coa emigración intelectual que houbo aquí cara México, Buenos Aires, La Habana ou Nova York... temos un oco terríbel, e o estancamento está aí. Engádelle a pobreza económica, a situación xeográfica… e o autolamento. Imos parar e mirar cara adiante, porque non se pode estar vivindo de rendas. Tamén houbo erros significativos no sistema cultural galego.
Entre eles?
Pouca sensibilidade por parte de institucións que poderían facer algo máis dinámico.
As que controlaron o CGAC, por exemplo, supoño. Espera agora grandes riscos?
Non quero entrar nos termos das listas negras, pero podería ser, durante o tempo que durou unha dinámica cultural dirixida políticamente. Agora espero que as cousas comecen a mudar, porque o único que importaba antes eran a foto e a propaganda. Fixéronse cousas tan espantosas como Galicia Terra Única, que zugou moitísimo orzamento, e incorreuse nun erro aínda máis gordo como é a Cidade da Cultura. Menos mal que Bugallo paralizou dous edificios, porque aquilo era un despropósito… Todo recipiente, nada de contido.
Creo que falabamos de artistas de acción galegos…
Houbo cambio tras a morte de Franco, pero os oitenta foron un engano. De súpeto eramos os máis modernos do mundo e houbo un bum que deu nun baleiro absurdo… Non aprendemos nada nos 80, eramos moi divertidos e pasabámolo ben, pero non soubemos artellar as bases que puidesen modificar a organización da dinámica cultural. E en Galiza acumulamos o baleiro histórico do que falaba antes… e claro, a arte de acción, se a pintura ou a escultura están fastidiadas… En Galiza hai cousas puntuais moi mesturadas. Berio Molina, Chío Longina, María Marticorena… e xente que entra e sae da acción, o cotiá, porque non é un xénero rendíbel. Si había un proxecto moi interesante, o colectivo vigués Príncipe 54, 14 persoas accionando á vez, algo moi peculiar, pero desfixéronse hai dous anos…
Cales son os espazos da acción fóra da arte institucionalizada?
Difícil. En Santiago, a Nasa pode arriscar con determinadas cousas. A Chocolataría non sei cómo se vai orientar, pero tamén o parece. Fóra de Compostela, en Vigo está máis difícil, e na Coruña nada de nada, porque a Fundación Caixa Galicia non creo que vaia apostar por algo así... E facer fincapé que, coa nova dirección do CGAC, espero que as cousas cambien. O feito de que eu estea invitado é un síntoma. Sitios alternativos onde poder articular este discurso... en Galiza estamos mal, e no Estado español non está a cousa moito mellor… o rollo de estar á marxe é difícil, estamos metidos na oferta e na demanda.
Aquilo tan escolar de que as novas conmocións sociais esixen un proceso novo e novas respostas sociais e estéticas… calquera protesta persoal visíbel é unha performance...
A performance ten un legado histórico que a posiciona en situacións que frisan o límite do alternativo… e iso está cambiando, a performance está entrando nos museos, ese é o risco, perder o carácter combativo do seu nacemento, contra unha modernidade que non soportaba ninguén. É pertinente manter o carácter alternativo da performance? Dependerá dos artistas e das prioridades. O da arte como arma de cambio social... é complicado.
Pero parece que só é posíbel elixir entre a falsía dos festivais de performance, o autoconsumo da metaperformance, que se ri de si mesma, e a institucionalización da marxinalidade de grupos coma o Lobby Feroz, en Lavapiés. Estes funcionaron divinamente até hai ben pouco...
Normalmente, se te pos nunha posición á marxe de todo… falamos de xente que non quere accionar para nada cos requerementos do museo, do concello ou da Deputación. Eu penso que sería unha tarefa de diálogo entre os produtores, os artistas, e os xestores da cultura. Por ambas partes, non falo de vítimas nin represores…
Pero entón habería que velar para que os avances estruturais non superasen os discursivos, non? Boa parte da arte de acción está chegando aos museos sen pasar pola rúa, se nos centramos no espazo público…
O feito de sermos periféricos fainos adoptar as cousas un pouco a destempo, e ademais dun xeito desquiciado. Sen as fases intermedias dunha evolución lóxica, de súpeto pún, chega a acción a Galiza, os xornais locais entéranse e mandan a alguén cunha nota de prensa... si é un risco tanxíbel porque non responde a un tránsito, senón a unha irrupción abrupta. Ao non haber demasiadas referencias, cos artistas collendo daquí e dalí para facer o seu pastiche, a necesidade de que a acción poida abranguer espazos máis alternativos có museo pode non darse… Iso está por ver, eu penso. Si é certo que aquí non se consolidou unha pequena infraestrutura que permita unha certa tranquilidade para poñerte a producir, sen reducir o punto creativo.
Imos acabar falando das industrias culturais en Galiza. ou?
Claro. Non as hai, nin hai substento, e no Estado español tampouco moito. Non se aproban iniciativas para que o produtor estea relaxado e o artista poida adicarse ao feito creativo. Fáloche desde o meu punto de vista como artista. Estás todo o día na corda frouxa.
Qué acción se lle ocorrería desenvolver, en Santiago por exemplo, mañá mesmo ou dentro de 45 días?
Pois de aquí a 45 días… artellar algo na rúa. Aquela película de Achero Mañas, Novembro, que non estaba moi alá, pero o espírito era ese, teatreiros combativos que interpelaban á xente... anque non convén esquecer que a acción pode ser unha experiencia estética contemplativa na que o produtor o pasa ben e o receptor...
Estaría ben que todos nos encontrasemos o kundalini, pero a espiritualidade dalgunhas desas performances resulta un pouco impostada, non?
Sí, hai moita espiritualidade new age... volvendo á rúa sería interesante buscar algo improvisado que interactúe coa xente, como na película. O que el plantexa nela é moi interesante, sería algo por aí, porque a qué porta vas chamar para montar algo así? Onde te metes? Pedindo esmola, coma sempre? E tamén é complicado implicar á xente...
A matrícula do ciclo que organizou o CGAC tampouco é gratuíta, anque sexan dez euros...
A matrícula é necesaria porque a xente que paga dez euros, o que gastas nun bonobús, toma as cousas con máis seriedade. É terríbel, pero no noso contexto social, cando fas algo gratis devalúalo. Vale que podía ser gratis, pero...
Malia todo, a existencia de máis artistas e xestores culturais da acción que espazos físicos e mediáticos onde desenvolvela aínda é un bo punto e partida, non?
Temos moito que aprender aquí da arte da acción como autoxestión. Se falamos da crítica, é un camiño por explorar, en parte porque está pouco teorizado, a información está moi espallada. Ao seren experiencias alternativas que moitas veces se transmiten oralmente... é un labor de investigación puro e duro.
Quen anda niso agora mesmo no Estado español?
Desde hai moitos anos, Bartolomé Ferrando, que tamén ensina en Valencia. Esther Ferrer, que vive en París, cunha obra interesantísima. Joan Cásellas, desde outra perspectiva... en Cataluña é outra cousa, á parte de Brossa houbo un movemento conceptual moi importante. Tamén están Hilario Álvarez, Nieves Correa, Juan Hidalgo...