"Nós intentamos que en Galiza se produzan iniciativas parecidas, pero parece que aquí temos máis dificultades", sinalou o responsábel do comité de empresa de TVE en Galiza, Pepe Sabell, preguntado pola entrevista, este mércores en Madrid, entre Enric Marín, secretario de Comunicación da Generalitat, e a directora xeral de RTVE, Carmen Caffarel. Marín pediulle a Caffarel que manteña a produción e a emisión de programas en catalán para que a radiotelevisión pública responda á realidade "descentralizada e plurilingüística do Estado español, con criterios de servizo público".
O comité de empresa de TVE, pendente de reunirse este mércores co Consello Asesor do ente público en Galiza, aínda ten que entrevistarse con Emilio Pérez Touriño á volta da súa xira arxentina, despois de facelo con Anxo Quintana e Alberte Núñez Feijóo. Sabell segue pedindo "consenso" aos grupos políticos para elaborar unha resolución conxunta.
De momento, a dirección de RNE avisou ás delegacións galegas, fax mediante, de que a colocación de fitas negras nos micrófonos galegos da canle estatal, como mostra de loito ante os recurtes previstos no Plan de Saneamento, constitúe "unha acción sancionábel segundo a normativa laboral vixente". Os traballadores galegos de RNE interprétano coma un intento máis "de coartar calquera tipo de mobilización".
Pola súa banda, o responsábel de USO en RTVE, o galego Pepe Santomé, criticou duramente a convocatoria de folga plantexada o martes en Madrid, na reunión do comité intercentros, "antes das asembleas que debemos manter a finais de marzo". Segundo as cifras de USO, os números que a SEPI recoñece coma posíbeis excedentes son 3.133 traballadores dos 7.988 fixos e indefinidos existentes (o 39% do total) ou 4.357 se se contabilizan os fixos e contratados dun total real de 9.212 (un 47%). "Se os 4.357 os aplicamos á plantilla de 7.988, a redución é dun 54% sobre o total, non o 44% que reflicte o documento da SEPI. Ha ser un erro ou igual se trabucou algún becario da consultora", ironizan.