Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O COMITÉ INTERCENTROS CONVOCA UNHA FOLGA DE 24 HORAS O 5 DE ABRIL

O comité de empresa de RTVE en Galiza pide "síntese" aos grupos políticos

O comité de empresa de RTVE en Galiza, reunido este martes con Quintana -o luns falaron con Núñez Feijóo-, pide "síntese" aos grupos políticos con vistas á promoción dunha iniciativa parlamentar conxunta que rexeite os recurtes e o espírito do Plan de Saneamento que preparan a Sepi e o Goberno para RTVE. Pola súa banda, o Comité Xeral Intercentros (CGI) da radiotelevisión pública acordou convocar unha folga de 24 horas o 5 de abril, na idea de conseguir unha axeitada "visualización" do conflito en TVE e RNE. Os traballadores ocuparon onte o plató de España Directo para ler un comunicado. A dirección de TVE, que ameaza con expedientes disciplinarios, decidiu suspender a emisión.

- 10:39 15/03/2006
Tags:

O presidente do comité de empresa de RTVE en Galiza, Pepe Sabell, non quixo referirse á iniciativa parlamentar presentada ad hoc polo deputado socialista Luís Toxo e, a falta de reunirse con Touriño, sinalou que o que procuran os traballadores galegos da canle estatal "é algo conxunto de todos os grupos políticos, como está sucedendo noutras cámaras, unha resolución aprobada no Parlamento galego por unanimidade. Pero parece que o clima político non é favorábel". Este mércores reúnense co Consello Asesor de RTVE en Galiza, e o venres está programada outra concentración de protesta en San Marcos. "O obxectivo é que estas medidas de presión consigan reconducir as directrices do plan, porque despois da reforma non pode quedar nada que non sexa radiotelevisión pública", din.

Pola súa banda, o Comité Xeral Intercentros de RTVE, reunido o martes en Madrid, anunciou o paro do 5 de abril e avisou dun ritmo constante de protestas e "mobilizacións contundentes" ante un plan, din, que "amputa RTVE". Entre as accións previstas, recollida de sinaturas, manifestacións ante institucións e edificios gobernamentais e outras que intentarán abrir o debate sobre o modelo de radiotelevisión pública. Os sindicatos consideran inaceptábel a intención da SEPI de "negociar só as consecuencias laborais do plan e non o modelo organizativo para o servizo público do futuro".

A dirección de TVE anunciou que non permitirá que "grupos de incontrolados" invadan os platós, e externalizará os programas que considere necesarios para "garantir a normalidade das emisións". O ministro de Economía, Pedro Solbes, xustificou o Plan de Saneamento, pois -dixo- "non se pode seguir cun sistema coma o actual, no que a financiación non ten consignación orzamentaria, porque segundo a lexislación comunitaria non é legal".


Ligazóns

0/5 (0 votos)