Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Franz Kafka: Un médico de aldea

Kafka en galego

Un médico de aldea
Franz Kafka
Galaxia, Vigo, 2005. 258 páxs., 14,50 €

Co título de Un médico de aldea, pode agora o lector en galego escudriñar nos inicios literarios do escritor checo Franz Kafka. Trátase dunha serie de textos breves que, como ben explica o tradutor Luís Fernández, abranguen a produción até 1917, comezo da enfermidade que levaría á morte do autor sete anos despois. A organización do contos segue as máis modernas edicións da obra de Kafka e desta forma ordenada cronoloxicamente podemos observar a evolución da súa arte literaria.

- 19:48 19/02/2006
Tags:

Non me gostaría aquí facer unha paráfrase de cada conto ou escoller un crítico da obra de Kafka e indicar as constantes máis importantes da obra para analizalas. Para isto ten o lector un bo feixe de volumes aos que acudir. Mais focalizo dous aspectos que, ao meu xeito de ver, si destacan moito aquí. Falo por unha banda da relación que mantiña Kafka co seu pai (para o interesado existe publicación das cartas persoais) e a relación do autor coa comunidade xudía en Praha, isto é, a influencia de dúas características vitais introdúcense na fabulación.
A figura do pai aparece en varios contos. Esta sempre é caracterizada coma un poder que intenta domear o suxeito. Véxase por exemplo "Sentenza", no que a figura paterna domina os movementos e pensamentos do fillo ou mesmo en "Sobre a construción da muralla chinesa" no que o emperador é unha sorte de pai do pobo, un poder.

E sobre o poder vai meditar Kafka nestes textos. Amosa as diferentes fazulas deste, ora baixo os ollos dun empregado da mina ("Unha visita á mina") ora como pobo ("Sobre a construcción da muralla chinesa") ora como reo que vai morrer ("Na colonia penal"). Mais este elemento pode ser discutido e valorado. Aquí coido que entra en xogo a formación xudía do autor. Temos que ter en conta que esta relixión mesmo chega discutir con deus e desta forma tamén pode debater ou cuestionar con outras formas de autoridade. En "Sobre a construción da muralla chinesa" dise: "segundo a miña opinión, a autoridade suprema existiu dende antigo (...) Mais o emperador vivo é un home coma nós". En "Informe para unha academia..." amosa o lado máis sarcástico da sociedade burguesa ao describir como un simio chega a acadar "a educación media dun europeo" en cinco anos. E fronte este conto aparece "Na colonia penal" na que a situación se inverte ao ser o ser humano quen, a través de elementos grotescos, se animaliza (véxase por exemplo a descrición que realiza o comandante sobre a morte dun reo).

Mais cando falo da tradición xudía vexo tamén relatos como "Chacais e árabes" nos que ao ler se suscita interese en saber por que Kafka escolle a figura do chacal. De ver o Torá, libro sagrado dos xudeus, atopamos que este animal é un ser que devora homes. Isto quere dicir que moitas veces as características grotescas ou fabulosas do escritor checo son elementos que agroman dunha ideoloxía concreta ou ben dun subconsciente propio e configurado por medos (como o da escaleira que de pequeno non podía ver ao ir ao colexio e que en certa maneira se pode ver no conto "Debería...") ou elementos da súa imaxinación (como a visión do norte, punto cardinal que en varios textos carreta violencia ou negatividade). Desta forma pódese cotexar como vai configurando o seu macrotexto.

Tamén expón de forma narrativa a súa teoría sobre a fabulación co conto "Textos para o tema do cazador Gracchus", onde cotexa ficción e realidade, contrapondo os puntos de inflexión de ambas. Por outra banda, tamén podemos aquí contrapor os diferentes tipos de espazo que vai utilizar na súa escrita. Por unha banda aparece o mundo urbano e os seus microespazos (cuartos, rúas, etc.), contraposto ao mundo rural (véxase "Un médico de aldea" ou "Era un calorosa día de verán"). Mais os dous unidos pola opresión psicolóxica humana.

Por último só felicitar o tradutor Luís Fernández. Destaco da súa tradución a información que aporta no posfacio como as solucións léxicas que propón. Por exemplo a denominación de grade como terceira parte da máquina de "Na colonia penal". Non sei se foi lector das teoría da tradución actuais mais sen dúbida ten en conta as palabras de A. Lefevere a respecto da reescrita e adecuación cara ao lector. Só lle recordar á editorial Galaxia que no museo Franz Kafka en Praha existe unha sección das traducións do escritor e creo que sería algo positivo para o país amosar este traballo nese marco.

mércao en Andel


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: