Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVAS ESTRATEXIAS PARA AS RELACIÓNS EXTERIORES

A Xunta busca o reaxir da comunidade de traballo galego-portuguesa e a redefinición da Fundación Galiza-Europa

Concretar o papel que debe xogar no ámbito galego e coordinar o seu labor na UE coa acción dos eurodeputados galegos, levando ademais representación das consellarías á súa sede en Bruxelas, son obxetivos para a revisión do funcionamento da Fundación Galiza Europa, segundo avanzou este venres Santiago Gómez-Reino, secretario xeral de Relacións Exteriores. Doutra beira, e na convicción de que o modelo de traballo que viña tendo a Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal non estaba sendo útil, o goberno galego acordou co portugués a mudanza da institución, que se definirá proximamente coincidindo co paso de Emilio Pérez Touriño á presidencia do organismo.

- 11:50 10/02/2006
Tags:

"A Fundación Galiza-Europa foi creada no seu momento polo tripartito, e foi potenciada logo durante os gobernos de Manuel Fraga, pero compre reflexionar agora sobre ela", afirmou Santiago Gómez-Reino, quen hai un mes asumiu o liderado á fronte da secretaría xeral de Relacións Exteriores, dependente de Presidencia. Gómez-Reino explicou que esa reflexión parte da idea de que "en Bruxelas tivo unha función relativamente boa" pero que o goberno debe definir "que temos que facer aquí, en Galiza, con ela e ver como pode revisarse a súa función ás veces caótica para que poida servirlle mellor aos cidadáns". Ao respecto, engadiu que a prioridade será definir ben "cal debe ser o seu papel concreto" e abrila a todas aquelas persoas ou institucións que teñan algo que achegar ao respecto do lugar de Galiza en Europa.

O secretario xeral gabou a calidade dos equipos de funcionarios xa formados nesta institución, pero destacou que a Fundación debe "mellorar a súa coordenación e cooperación cos deputados galegos no Parlamento europeo", e comentou que "ten que ser un instrumento ao servizo da Xunta e dos parlamentarios galegos e ese será un principio a aplicar rigorosamente". Ao tempo, revelou que desde diversas consellarías xa lle achegaron a petición para teren representantes permanentes na sede da Fundación, en concreto desde os departamentos de Industria, Educación e Pesca. "A UE é eixo estratéxico fundamental e prioritario para o goberno galego, por razóns económicas e tamén políticas", subliñou ao tempo que anunciaba que representará a próxima semana a Galiza no Comité de Rexións da UE.

Outro modelo para o impulso da Eurorrexión
Gómez-Reino destacou a "importancia de primeira magnitude" que o seu equipo lle adicará á relación co Norte de Portugal, anunciou que xa tivo as primeiras reunións co actual presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Carlos Lage, e salientou a vontade desde as administracións galegas e portuguesas de avanzar cara outro modelo de relación, alén do actual traballo independente de grupos en Galiza e Portugal que logo se xuntan periodicamente, cara a cooperación máis próxima en temas de interese común. Ao fío, avanzou que o próximo día 24 de febreiro se darán detalles ao respecto, coincidindo co acto no que o presidente da Xunta asumirá a presidencia da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, á fronte da cal estará dous anos. "Imos cara a unha cooperación de segunda xeneración", subliñou insistindo en que a forma de traballo actual non é efectiva e que pode facerse "dun xeito máis estreito e con estruturas máis coherentes".

Lembrámoslles que o pasado mes de xaneiro, a comunidade de traballo decidiu o encargo dun estudo técnico para o aval da demanda do proxecto de comunicación ferroviaria, con alta velocidade, entre Vigo e O Porto. Ao tempo, solicitóuselle ao ministerio español de Fomento e o ministerio luso de Transportes que creen un grupo de traballo para o impulso desta infraestrutura.

Libro Blanco sobre a Acción Exterior
"É mellor un traballo bo que un traballo rápido", comentou o novo responsábel de Relacións Exteriores da Xunta, indicando que o seu departamento prepara con detalle un guieiros para a política de Galiza neste eido, que será presentado nos próximos meses. Ao respecto, asegurou que será "consensuado e discutido a todos os niveis con todos os que teñan algo que achegar en Galiza a nivel de relacións internacionais".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: