Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACUSAN O EXECUTIVO ANTERIOR DO ATRASO NAS OBRAS

Touriño e Areces agardan que a autovía Transcantábrica contribúa á cohesión galaico-asturiana

"Galiza e Asturias viven e queren vivir xuntas e irmandadas, desde as nosas respectivas identidades e pleno respecto, buscando cada día máis vencellos que nos unan e estreiten relación, que sirvan para avanzarmos", afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. "É preciso conformarmos un espazo de máis cooperación e buscarmos elementos para compartir proxectos e responder ás demandas dos cidadáns", comentou na mesma liña o presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces. A primeira xornada serviu para quitarlle ferro a conflitos anteriores e destacar a convicción de que antes de 2010 estará activa a vía Transcantábrica.

- 07:14 30/01/2006
Tags:

"As fronteiras son cousa do pasado, e nós queremos compartir proxectos que respondan ao interés dos cidadáns", subliñou o presidente da Xunta, chamando a "sumar a nosa tradición común no espazo atlántico para non quedarmos atrás e ter máis peso en España e en Europa". "Imos construír espazos que van máis aló das nosas respectivas demarcacións territoriais", comentou Touriño, avogando por levar a cabo "unha política intelixente, de futuro, de abrir camiño". "Os resultados que presentaremos este luns serán consecuencia non só desta dobre xornada de traballo, senón do esforzo e o traballo realizado durante estes últimos meses de preparación para sentar as bases renovadas da cooperación entre Galiza e Asturias".

No mesmo sentido se pronunciou o presidente asturiano, subliñando a "vontade inequívoca dos dous gobernos de loitar polo futuro das nosas comunidades no contorno deste Estado plural que estamos contruíndo xuntos". Vicente Álvarez Areces destacou a necesidade de colaboración para "defender o interés deste espazo atlántico" no proceso de reformas aberto no Estado e gabou a organización deste cumio coma un primeiro chanzo cara a esa meta. Areces destacou especialmente o "impulso ás infraestruturas" e aseguriou que "o cambio que trouxeron nese sentido as eleccións do 14M en 2004" na estratexia de "cohesión do territorio e para ás zonas menos desenvolvidas".

O presidente asturiano dixo estar seguro de que o executivo de Zapatero "desbloqueou conflitos estériles postos polo anterio ministro de Fomento". Na súa opinión, a autovía do Cantábrico poderá estar finalizada en 2009. Máis cauto neses prazos se amosou o presidente galego, quen aínda asegurando que en 2008 entrarán en funcionamento algúns treitos importantes na parte galega, descartou poñer prazos para o remate da obra.

Con propostas concretas para a colaboración no ámbito cultural, Touriño e Areces aparcaron o enfrontamento xurdido nos últimos tempos entre as dúas administracións a conta da proposta do BNG para a promoción do uso do galego en Asturias, insinuando que o asunto non estará na axenda de temas a trataren. Do mesmo xeito, deuse por zanxado o asomo de conflito polo apartado da proposta de Estatuto do BNG que deixa a porta aberta á integración de territorios limítrofes. Á espera de coñecermos detalles este luns dos proxectos de colaboración no eido cultural, entre os temas avanzados aparecen a posibilidade do "intercambio de exposicións e grupos musicais e teatrais de ambos os dous territorios, a recuperación e promoción do Camiño Primitivo a Santiago ou a promoción conxunta da cultura castrexa".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: