Durante días o liderado fora para o Brasil 1, pero a medida que os barcos avanzaban nesta primeira tirada cara Sudáfrica, baixo estratexias de navegación similares o ABN-Amro amosou unha velocidade maior, superando ao veleiro onde vai o galego Chuny Bermúdez, que antes deste punto de control foi adiantado tamén polo Ericsson. Despois das illas de Fernando de Noronha a Volta ao Mundo de Vela continúa cara Capetón e a última hora tráenos a recuperación dos de Chuny, que pasan a ser segundos, 74 millas por tras dos holandeses.
Con 26 minutos de atraso sobre o Ericson, o Brasil 1 pasaba ás 11h56 deste luns polo punto de control nas illas de Fernando de Noronha. Moito antes, ás 1h35, pasara o primeiro clasificado, ABN-Amro, anotándose 3,5 puntos, que auman ao punto que xa apañaran na regata inicial en Sanxenxo. Co experimentado estadounidense Mike Sanderson coma patrón, o barco patrocinado polo banco internacional holandés navega agora 74 millas por diante do segundo clasificado, que outra vez é o Brasil 1, que tén agora ao Ericson apenas cinco millas por tras da súa popa. Malia ir en terceira posición, o veleiro con Neil McDonald de patrón é líder en puntuación, xa que suma aos 3,5 puntos da regata de Sanxenxo os tres puntos de Fernando de Noronha.
As embarcacións agardaban nesta altura da competición ter que lidar co desafío dos Doldrums, espazo ecuatorial caracterizado pola mar calma que axitou a paciencia dos navegantes noutras edicións da carreira. Finalmente superaron esa zona sen maiores problemas e seguen agora esta primeira tirada cara a Capetón co anticiclón de Santa Helena coma principal desafío.