"O pesqueiro de arrastre español Garoya Segundo é sospeitoso de ter pescado fletán, especie protexida polo regulamento aplicábel nesta zona de protección pesqueira arredor do arquipélago". Así o recolle o comunicado do servizo de gardacostas noruegués, logo da captura do buque galego nun área próxima ás illas Svalbard. O día anterior Noruega xa prendera o barco vigués Monte Meixoeiro baixo as mesas acusacións.
O segundo barco feito preso en dous días polas autoridades norueguesas abriu un conflito diplomático sobre o que haberá novidades nas próximas horas logo que o segundo dos barcos chegue a porto e os inspectores avalíen a carga e determinen o posíbel incumprimento sobre as capturas permitidas.
Noruega acusa aos capitáns do Monte Meixoeiro e do Garoya Segundo de manipularen o diario de capturas do buque e proporcionarlle información falsa sobre as súas capturas ao directorio de Pesca noruegués, pescando cantidades por riba das cen toneladas de fletán, o que se consideraría delicto grave contra o medio ambiente.
Independentemente do resultado desas inspeccións, o director xeral de recursos pesqueiros do ministerio de Pesca, Fernando Curcio, referiuse para os micrófonos da Radio Galega aos baleiros xurídicos e diverxencia de opinións que dificultan as reclamacións diante da administración norueguesa, e aínda subliñando que atendendo á estrita legalidade "Noruega non tén xurisdicción nesas augas", lembrou que a desputa depende do chamado Tratado de París, asinado en 1920. Curcio recoñeceu tamén que atrás desta desputa podería estar a rifa aberta polo goberno de Noruega para reafirmar a súa soberanía nunha zona con altas potencialidades para a extracción de petróleo.