En máis de cen millóns de euros estimara o anterior executivo os beneficios potenciais, directos e indirectos, que pode acadar para Galiza a organización da Volvo Ocean Race. Desde a propia organización da proba calculan altos beneficios para o lugar de saída da Volvo, malia que reducen esas potencialidades a menos da terceira parte do que prognosticaba a Xunta. Entre o goberno galego e o concello vigués gastaron xa máis de 22 millóns de euros, alén dos investimentos achegados por patrocinadores varios que o propio goberno estimulou fixando na lei de taxas importantes beneficios fiscais para as empresas que se implicasen.
Ás portas do inicio oficial da proba, semella lonxe que se vaia cumprir o obxetivo do millón de visitantes que segundo o anterior goberno da Xunta ían asolagar as rías Baixas nas semanas previas e posteriores a este acontecemento, cifras estimadas moi próximas ao número de turistas que a administración avalía que como media visitan a zona durante todo o ano.
O rendemento turístico semella así menor do agoirado, malia que se pensa que o negocio non será pequeno arredor dunha cita acostumada a mover grandes cantidades, onde cada barco dos participantes pode chegar a custar vinte millóns de euros e a competición arrastra canda ela un importante número de afeccionados do mundo náutico de elevado poder adquisitivo. De calquera xeito, á beira dos beneficios directos os promotores defenden tamén os achegados en termos de imaxe para Galiza en xeral e a costa galega moi en particular.
Na edición anterior, celebrada entre os anos 2001 e 2002, a proba, considerada un dos dez eventos deportivos máis importantes do mundo, acumulou audiencias de até 800 millóns en televisión, ademais de amplos espazos en radios e prensa escrita, e os organizadores non agardan que esa interese sexa menor na presente edición.
Gastronomía e xogos para os rapaces a pé do Berbés mentres se agarda aos barcos da Volta ao Mundo
Multimedia, foguetes e a música de Xosé Manuel Budiño, acompañado dunha ducia de bandas de gaiteiros de todo o país, aparecerán no escenario aboiante que xa se prepara na praia de Bouzas para a "festa do mar" deste venres previa á saída oficial da Volta ao Mundo a Vela. Non será até ese día cando "por cuestións técnicas" poidan chegar por fin seis dos sete barcos participantes, entre eles o Brasil 1, co galego Chuny Bermúdez entre a tripulación, competindo na máis importante proba náutica mundial, que escolleu Galiza para a súa primeira saída na historia desde porto non británico.
"Un mar de sabores" é a oferta gastronómica con amplo protagonismo para os produtos das rías galegas que competirá en protagonismo estes días no porto vigués coas exposicións dos patrocionadores principais dos barcos que compiten na proba. O "Galiza Movistar", co patrón galego Pedro Campos, é de momento o único dos veleiros participantes que xa está en Vigo, e que puideron contemplar os rapaces chegados de medio cento de escolas e protagonistas da festa deste mércores no porto.
"É un día importante para Galiza e para Vigo, e as actividades programadas estanlle dando á cidade un verdadeiro protagonismo na regata", destacou Santiago Domínguez, director Xeral para o Deporte. "É unha gran oportunidade para Vigo e para Galiza", coincidiu con el a alcaldesa Corina Porro. Os organizadores subliñaron o potencial turístico desta competición e a súa capacidade para xerar ingresos especialmente para as localidades que no pasado acolleron a saída da proba, deica agora todas elas na costa británica.