"É un auténtico escándalo que o Lootus II estea pescando aquí". O responsábel da campaña de océanos de Greenpeace, Sebastián Losada, refírese con estas palabras a un buque de bandeira estonia, aínda que propiedade galega, ao que seguen por augas do Atlántico Norte nas últimas horas e ao que acusan de ter un longo historial de pesca ilegal. Hai poucos días, os ecoloxistas embarcados no buque do colectivo MY Esperanza colocábanlle ao arrastreiro galego Praia de Tambo un cartaz coa frase "Destructor das profundidades mariñas".
"Non só tén un amplo historial de incumprimento das normas de pesca no Atlántico Norte, senón que os seus propietarios son responsábeis tamén de pesca ilegal de bacallau de profundidade en augas antárticas", acusa Losada ao respecto do Lootus II.
Os ecoloxistas lembran que desde o ano 2000 este barco foi citado ata sete veces por incumprimento das normas de conservación da NAFO, por causas que onclúen a pesca de especies suxeitas a moratoria ou superación de capturas permitidas. O pasado mes de decembro fora citado pola NAFO por presunto uso de rede ilegal. O buque está integrado na actualidade nunha empresa de Estonia, participada a través dunha subsidiaria pola empresa galega Grupo Oya Pérez. Greenpeace lembra que até o 2000 o nome do barco era Fragana, e estaba rexistrado a nome de Juana Oya Pérez. Os ecoloxistas láianse de que o Grupo sexa tamén propietario "dun dos buques pirata mellor coñecidos en augas antárticas, o Ross, con bandeira de Togo".
O colectivo en defensa do medio critica especialmente que nos anos 2003 e 2004 membros desta empresa participasen na delegación comunitaria na xuntanza anual da NAFO. Greenpeace pediulle ao goberno español que non convide a foros "onde se decide sobre a conservación dos recursos e a loita contra a pesca ilegal" a persoas vencelladas a este tipo de prácticas.
"As boas palabras non chegan para deter estas compañías que seguen operando sen control, mudando nome e bandeira para tratar de escapar das normas, mentres os ecosistemas mariños e os recursos pesqueiros sofren as súas consecuencas", denuncian, "algúns dos responsábeis están ben identificados, pero seguimos sendo testemuñas de como o goberno español non só segue cruzado de brazos senón que lles permite que formen parte das súas delegacións".