A sondaxe do CIS preparatoria das eleccións ao Parlamento galego, publicada esta semana, incluía entre as súas preguntas dúas de perfil lingüístico. Os seus datos indican que só un galego e medio de cada 100 non entende o galego, e que o escribe correctamente un 57%, máis do dobre que hai quince anos, cifras amplamente mellores cás sinaladas no Mapa Sociolingüístico de 1991.
A fiabilidade da mostraxe do CIS non é comparábel, nin co último censo de habitantes, nin sequera co Mapa Sociolingüístico, elaborado pola Academia, e documento fundamental polo completo e complexo da súa metodoloxía. Con todo, nestes case quince anos que separan o Mapa dos datos do CIS rexistráronse amplas modificacións, boa parte delas positivas. Por exemplo, do 97,1% de galegos que entendía o galego en 1991 pasouse a un 98,5%; dun 45,9% que o sabía ler sóbese a un 80,4%; e dun 27,1% que o sabía escribir ascéndese a un 57,9%. Porén, rexístrase un descenso importante ao nivel da fala, cunha precisión: o 86,4% dos galegos sabía falalo en 1991, e agora un 83,1% fálao "con fluidez".
Porén, o galego como lingua inicial sufriu un grave retroceso. Do 62,4% que tiña o galego como lingua da casa en 1991 descendéronse 6 puntos, ata un 56,0%. Tamén descenderon os fogares bilingües, do 11,4% ao 9,9%, mentres aumentou o castelán como lingua inicial do 25,6% ao 33,0%.