A ex-concelleira do PP no concello de Ermua, en Biscaia, Ana Crespo, asegurou que se os galegos se deciden por un goberno socialista "dentro de pouco teremos aquí a ETA". Ana Crespo fixo estas declaracións nunha rolda de prensa na Coruña para informar sobre a manifestación que a Asociación de Vítimas do Terrorismo "Voces en Silencio" celebrará o próximo 4 de xuño en Madrid co lema "Por eles. Por todos. Negociación no meu nome, Non!".
Nese acto Crespo estivo acompañada polo delegado provincial da consellaría de Presidencia na Coruña e presidente en funcións do PP local coruñés, Estanislao de Kostka Fernández.
Ana Crespo preguntouse se o PSOE estaría disposto a gobernar en coalición co BNG "ao que non hai tantos anos lembro apoiando a Idígoras en Bilbo". Tamén puxo como exemplo das consecuencias dun goberno socialista en Galiza ao secretario xeral do PSE, Patxi López, ao que acusou de "acurruchar" aos seus compañeiros "para darlle a man a esquerda abertzale".
Crespo, que é tamén vicepresidenta da Asociación "Voces en silencio" inisitiu en que os galegos deben pensar "o que van decidir" nestes comicios e engadiu que de decidirse por un goberno socialista "dentro de pouco teremos aquí a ETA". Ademais, tamén arremeteu contra o presidente do goberno español, José Luís R. Zapatero, do que asegurou que se está "baixando os pantalóns ante Batasuna e a banda terrorista".
O delegado da consellaría da Presidencia en Coruña, Estanislao de Kostka Fernández xustificou a súa presenza no acto no "apoio institucional" solicitado polas asociacións de vítimas do terrorismo á convocatoria da manifestación. Cualificou o acto de hoxe como "unha mostra do apopio do goberno galego a todas as vítimas, sen facer uso e partidismo dunha parte". A rolda de prensa tivo lugar na delegación da consellaría da Presidencia da Coruña.