Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APROBADO O INFORME DE XESTIÓN E TURNO PARA VOTAR A NOVA DIRECCIÓN

O Congreso da CIG critica a discriminación do goberno aos sindicatos nacionalistas

A diferenza de trato coas centrais sindicais estatais foi criticada este sábado polo actual secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, que este domingo compite con outras dúas candidaturas por repetir mandato á fronte da Confederación Intersindical Galega. Esta mesma semana, os votos de PSOE, PP e IU servían no Congreso para rexeitar unha moción do BNG onde se pedía que as mesas para o diálogo social se ampliasen ás centrais de ámbito autonómico.

- 09:58 29/05/2005
Tags:

"Organización e loita, garantía de Dereitos e liberdades" é lema deste cuarto congreso da CIG, que cada catro anos fai revisión dos estatutos e programa da formación, analiza a xestión recente e define as orientacións futuras da política sindical confederal, ademais de escoller secretario xeral e executiva confederal. Na apertura do Congreso, o informe de xestión da actual executiva, que foi aprobado este sábado por ampla marxe, recolleu os datos de incremento de afiliación, 11.177 traballadores máis nos últimos catros anos, o que fai medrar á CIG por riba dos 50 mil afiliados e a convirte segundo a secretaría xeral na "primeira forza sindical en Galiza en afiliación". Un total de 605 delegados participan durante esta fin de semana nos debates.

Na presentación do Congreso, o actual secretario xeral destacou "o espazo por cubrir" que lle queda ao que representa "un modelo sindical diferente ao dos sindicatos estatais" e priorizou entre os obxetivos a medio prazo o reforzo das "estruturas, tanto sectoriais como territoriais" e o "especial esforzo á negociación colectiva, porque permite a participación directa dos traballadores na defensa e mellora das súas condicións laborais", negociación que "por desgraza tense deteriorado bastante e perdido capacidade reivindicativa pola precariedade laboral que existe no mercado laboral, sobre todo no sector privado pero tamén no público, e pola limitación da capacidade reivindicativa da clase traballadora".

A candidatura encabezada polo propio Xesús Seixo competirá cando menos con outras dúas, lideradas respectivamente polos actuais secretario de Emprego, Manuel Currás, e de Propaganda, Francisco Miranda.

Apoio ao cambio de goberno
No seu discurso, Seixo pronunciouse tamén a prol dun cambio de goberno nas próximas eleccións do 19 de xuño. "Se isto sucede, estaríamos ante un escenario político que abre certa esperanza a que Galiza se libere do xugo da dereita españolista, caciquil e clientelar e se poda empezar a facer políticas realmente defensoras da nosa realidade material, social e lingüística", afirmou ao tempo que precisaba que "sería moi importante que ese novo goberno galego contase con maioría nacionalista".

O secretario xeral da CIG fixo repaso do "fracaso de xestión dos gobernos do PP estes 16 anos", subliñando os altos índices de desemprego, contratación temporal e o baixo crecemento do PIB galego, por baixo do estatal.

O Congreso pecha a porta cara o diálogo social
Ao fío das críticas subliñadas no inicio da xuntanza da CIG, lembrámoslles que esta mesma semana o voto en contra de PSOE, PP e IU-ICV rexeitaba unha iniciativa para a inclusión dos sindicatos de ámbito autonómico no proceso de diálogo social.

A moción fora introducida pola deputada do BNG Olaia Fernández, quen a semana anterior defendera fronte ao ministro de Traballo a proposta criticando que se excluísen as organizacións sindicais agrarias e autonómicas do diálogo. Ao respecto, o ministro Caldera tan só se comprometía a "informar" dos acordos acadados a todas as organizacións.


0/5 (0 votos)