Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EDITORIAL

Primavera galega: a cidadanía cambia de goberno

Está a florecer a primavera galega. Arrecende a iso, ole ben. Ducias de iniciativas cidadáns anuncian que o inverno dos gobernos conservadores toca á súa fin. Nos sectores máis dinámicos da nosa sociedade abrochan consensos básicos: Hai que botalos, Mudar Galiza, Xa vai, Desta vai... O futuro goberno galego será o primeiro froito logrado desta nosa primavera cidadá.

- 10:10 30/05/2005
Tags:

Semella achegarse a fin destes anos de encoramento social, de criminalización das disconformidades, de negación túzara das críticas, de suxeición dos medios de comunicación e de domesticación dos axentes sociais. Foi unha guerra desigual, control e subvención fronte á liberdade e imaxinación. Con todo, a primeira gran derrota do Partido Popular non naceu dunha confrontación parlamentaria senón da rebeldía da nosa sociedade civil.

A maré de dignidade de Nunca Máis abriu a fenda maior na hexemonía conservadora. Daquela a cidadanía recuperou o seu protagonismo político e, agora, multiplícanse as iniciativas que evidencian o fracaso das políticas do fraguismo, chaman á participación, procuran acordos entre as forzas nacionalistas e progresistas, propoñen accións de goberno factíbeis e realizábeis e, mesmo, sentan as bases fundamentais que deberan informar o Novo Estatuto que Galiza precisa con urxencia.

Pluralismo, ilusión, compromiso co país e novas ideas son o adianto da primavera política que está xermolando. As sondaxes coñecidas parecen apuntar un triunfo da alternativa BNG-PSdeG e abren a porta a un novo goberno na Xunta de Galicia. É a mobilización cidadá a que permite abrir unha nova etapa que ten a súa cerna na transformación democrática das nosas institucións e a construción do propio país.

A vitoria da alternativa PSdeG-BNG será máis solvente na medida en que fielmente dea conta das demandas e preocupacións da maioría dos cidadáns galegos. O acordo de goberno que una o cambio e un País Novo esixe non só o concurso das forzas políticas que sosteñan a nova alternativa gobernamental senón tamén a participación activa dos axentes cidadáns e sociais.

O recoñecemento da pluralidade da sociedade civil, da súa potencia creativa, da solidez da súa capacidade para organizarse de seu, que abraiou a moitos cando as xornadas dramáticas da catástrofe do Prestige, é a garantía ilusionante dun cambio que será axiña político e institucional, e que, polo de agora, é social e cultural. O protagonismo da cidadanía é o principal aval para que mude a forma de gobernar e para que se fagan realidade novos futuros para Galiza.

O diálogo entre o novo goberno e a sociedade civil é a base nutrinte do futuro tempo político. Sabemos do esgotamento dos impulsos gobernamentais se non hai unha acción política participada polos axentes sociais máis dinámicos, innovadores e emprendedores. A nova Galiza, que nas últimas décadas se construíu esforzadamente e, en moios casos, mesmo co pesar das accións da Xunta, reclama o seu papel como catalizador da transformación ilusionada do noso país e o seu goberno.

A primavera galega dará os seus primeiros froitos en xuño, pero necesitamos que a efervescencia cidadá perdure longo tempo. Galiza, dona de seu, é merecedora de mil primaveras máis.


0/5 (0 votos)