"Sempre que Galiza sofre unha desgraza o PP saca tallada, pasou co Prestige e agora descóbrese que pasou tamén na crise das vacas tolas", dixo Anxo Quintana en relación coa presunta estafa cometida pola empresa vencellada ao PP que foi contratada para xestionar a publicidade de "Ternera Gallega" nesa época. Quintana instou ao presidente da Xunta a "deixar de apadriñar a corrupción" e reclamarlle á empresa que devolva os cartos. "Se non, que o seu partido, como causante da desfeita, os devolva", engadiu.
O portavoz nacional do BNG e candidato á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, salientou que a rexeneración democrática é un piar básico do cambio galego e comprometeuse a que "o executivo estea ao servizo do lexislativo". Para iso "é necesario que o presidente da Xunta compareza en todas as sesións de control do parlamento para someterse ás súas preguntas".
Quitana fixo público este compromiso nun acto celebrado en Vigo, no que presentou as popostas do BNG para contribuír á rexeneración democrática da política galega. "Hai que rematar co tempo de que dar explicacións na cámara é considerado como un favor aos cidadáns, ao contrario, é unha obriga democrática á que me comprometo".
O candidato nacionalista salientou a necesidade de realizar debates nos medios de comunicación públicos e, neste sentido, anunciou que o futuro goberno que aspira a presidir establecerá un mínimo de dous debates, ao inicio e final de cada período de sesións; igualmente, levará a normalidade democrática á celebración dun debate entre candidatos en período eleitoral.