Sete de cada dez minutos dos programas informativos da TVG están realizados por produtoras, a maioría vencelladas aos grupos de comunicación privados de Galiza. De feito, sete delas, controlan a maior parte da información que se emite desde as 11 delegacións da TVG e a xestión das conexións en directo. Esta é unha das conclusións ás que chega un informe de CC.OO. sobre a externalización da produción de informativos da TVG. O estudo sinala que "tanta precariedade e externalización representa un grave atranco na procura dunha TVG como servizo informativo público, plural e veraz".
O informe, elaborado pola sección sindical de CC.OO. da TVG, foi realizado entre o 16 e o 25 do pasado mes de abril, un período que coincidiu co proceso de elección do novo Papa e variou o ritmo normal dos informativos en todas as cadeas. Os autores do estudo cronometraron as pezas informativas dos programas, sobre todo os do bloque do mediodía (A Revista, Galicia Noticias e Telexornal Mediodía) sobre a base de se a información foi elaborada por persoal fixo ou contratado pola TVG ou por traballadores de produtoras privadas.
O informe conclúe que 7 de cada 10 minutos dos programas informativos do bloque do mediodía, os de máis audiencia da cadea pública, están realizados por persoal de produtoras privadas. Unha porcentaxe que chega ao 83% no caso do informativo local de Santiago. De feito, todos os espazos informativos da TVG inclúen noticias de produción externalizada, polo que unha parte considerábel da información que se emite pola televisión pública depende de profesionais contratados por empresas privadas.
A maioría das productoras que traballan cos servizos informativos da TVG están vencelladas aos xornais galegos e controlan toda a produción das delegacións locais da empresa pública: as de Vigo e Pontevedra, a Produtora Faro; na da Coruña, Voz Audiovisual; na de Lugo, El Progreso; na de Burela, Logavídeo; nas de Ourense e Madrid, La Región; en Bruxelas, Alice e nas de Ferrol, O Porto e Nova Yok, TV7. Esta última, segundo o informe, é a de maior produción. Encárgase dos directos que cada día se realizan coas unidades transportables de TVG desde os sitios máis diversos de Galiza e –as veces tamén desde fóra do territorio galego- para distintos espazos de noticias.
Segundo este informe, nas once delegacións e cos equipo de directos de Televisión de Galicia traballan en total 146 persoas. Máis do noventa por cento delas (132) non teñen vinculación laboral coa TVG. O persoal de TVG con contrato indefinido destinado en delegacións non representa nin o seis por cento do total; son oito persoas (unha en Vigo, catro na Coruña, dúas en Madrid e unha nos directos). Desas oito só unha é redactora de información xeral.
A sección sindical de CC.OO. da TVG, chama a atención sobre "o grave risco que supón para a liberdade de expresión a inestabilidade laboral do persoal que traballa nos medios de comunicación. Ademais, insistimos, en que na práctica son empresas privadas (sete, en total) as que realizan a cobertura informativa de Galicia para este medio público que é TVG . A inestabilidade no posto de traballo é o gran atranco que afrontan os/as xornalistas para cumprir o seu deber de ofrecerlle á sociedade información veraz".