Navantia, a Xunta de Galiza, os servizos de inspección de traballo e a fiscalía foron destacados coma responsábeis dunha situación que disparou os "factores de risco" e que levaron á morte dos catro traballadores o pasado mércores na factoría da empresa naval en Ferrol. Así se denunciou logo de catro minutos de silenzo no comunicado conxunto asinado polos sindicatos CCOO, UXT, CIG e USTG, onde se insistiu en criticar a subcontratación dos traballos a outras empresas e os precarios contratos que acostuma a ter o persoal auxiliar, obrigado a aceptar condicións de traballo que aumentan as probabilidades de accidente.