O treito en cuestión vai entre Mordomo, en Traba (Laxe), e Camelle (Camariñas), na Costa da Morte. Trátase dun espazo costeiro que integrará a Rede Natura 2000 e "destaca pola súa excepcional paisaxe", nun estado de presión urbanística "cero" e sen accesos ao tráfico de vehículos. Adega denuncia que este proxecto, impulsado pola Consellería de Política Territorial a demanda dos Concellos de Laxe e de Camariñas, sería unha grave agresión ambiental.
"O treito afectado, de case tres quilómetros, mantén un camiño carreteiro en moi bo estado de conservación, existindo moitos treitos que discorren sobre lousas de pedra co raíl labrado polos carros. A zona que atravesa este camiño caracterízase por un mosaico de peches ou valados. A acción humana sobre o medio natural xerou unha paisaxe de grande interese e beleza, cuxas orixes se remontan á epoca castrexa e que garda moitas semellanzas con outros vestixios deste tipo de paisaxes que se conservan ao longo da fachada atlántica europea (Irlanda, costas bretonas, Normandía)", destacan os ecoloxistas.
ADEGA pídelle a responsábeis políticos que se asesoren con especialistas en ordenación do territorio, dinamización e promoción turística, enarquitectura da paisaxe, para seren conscientes do grave erro que suopría esta construcción. Lembran que zonas coma Normandía "non vive do turismo de sol e praia senón precisamente do turismo que aproveita uns recursos semellantes aos da Costa da Morte" e animan a abrir un concurso de ideas que destine os investimentos a "fortalecer estratexias de aproveitamento do medio que beneficien directamente á poboación residente na zona".