"Na Xunta de Galiza, en cada oposición fai falla un Garzón" e "Oposición sen corrupción" foron os dous lemas que esta mañá berraron diante do Parlamento de Galiza unhas 200 persoas. Case todos son mozos e mozas que concorreron ás oposicións convocadas pola Xunta para cubrir prazas de auxiliar administrativo do Grupo D. Unhas oposicións que deron moito que falar nos últimos días a raíz das denuncias de presuntas filtracións dos exames en beneficio de membros do PP, parentes de cargos deste partido e mesmo de persoal eventual directamente relacionado coa Consellaría da Presidencia. O seu titular, Xaime Pita, comparecerá hoxe ás seis da tarde no Parlamento a petición propia para dár explicacións. Mentres, a CIG continúa indagando as posibles ramificacións do asunto. Hoxe mesmo presentou unha segunda denuncia na Fiscalía de Santiago pero desta vez por causa de supostas irregularidades no proceso selectivo do Grupo IV de conductores. Tamén aquí aparecen nomes ligados á oposición do Grupo D.
Quen primeiro alertaron da posibilidade de que houbese filtracións foron os propios opositores despois de que se publicaran as notas do primeiro exame do Grupo D e máis do E. A lebre saltou cando se compararon as notas acadadas por algúns aspirantes en ámbolos exames. O temario para a proba de auxiliar administrativo do Grupo D era máis estenso e condensado que o dos subalternos do Grupo E. Ocorre que algúns dos aprobados con notas altas no exame do Grupo D ou ben non se presentaron ou suspenderon a proba do Grupo E. Despois de observar este dato houbo quen comezou a buscar posibles ligazóns entre os aspirantes con mellores notas e o PP. Segundo a CIG, entre os que encabezan a lista de aprobados hai parentes de alcaldes do PP, parentes próximos de persoal de confianza da Consellaría da Presidencia, traballadores sen praza desa mesma consellaría e incluso membros do partido que concorreron en listas electorais.
Para Henrique Salas, membro da CIG, tanta coincidencia "é un imposible estatístico" que só se explica cun caso de filtración dos exames. A este respeito, a CIG presentou unha denuncia perante a Fiscalía de Santiago na que se destaca como dato a ter en conta que os exames do Grupo D non seguiron os cauces de tradución habituais ó seren "remitidos ó Servizo do DOG no canto de pasar polo Servizo Oficial de Tradución da Xunta de Galicia" por orde expresa de Pablo Figueroa, director Xeral de Organización e Medios Informáticos da Xunta. Segundo a CIG, deste xeito abriuse unha porta á filtración ó quedar os exames "fóra da custodia e observación dos membros do tribunal".
Os contidos da denuncia xa son coñecidos desde hai días. Sen embargo esta mañá a CIG ampliou os seus argumentos e presentou unha nova denuncia de filtracións, neste caso referida ós exames do Grupo IV de Conductores da Xunta de Galiza. En ámbolos casos pídese que se volvan repetir as probas e que se abra unha investigación que dilucide quen son os responsables da presunta filtración.
Namentras, os opositores que hoxe se manifestaron en Santiago non cren que se vaia chegar ó estremo de recuar no proceso selectivo, sen embargo teñen a esperanza de que "haxa un cambio para que os procesos selectivos sexan obxectivos". Neste senso a CIG considera necesario un cambio no sistema de tribunais para que estean formados por persoal cualificado elixido por sorteo.